Igrexas e Cruceiros

Cruceiro de San Xiao de Lamas
Cruceiro de San Xiao de Lamas
« 3 de 30 »

Sen dúbida os elementos patrimoniais máis abondosos en San Sadurniño son os relixiosos, representados en forma de igrexas, capelas, cruceiros e petos de ánimas. Un dos templos máis antigos é o de Santa María de Naraío, fundada no 865 polo rei Ramiro I. Orixinariamente estaba formada por unha soa nave central con bóveda e portas laterais. Crese que o primeiro templo se construíu cara ao século VII, posto que aínda se conservan elementos prerrománicos. No século XII foi remodelada logo dun incendio que destruiu a cuberta. Os cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén botáronlle entre 1145 e 1150 un novo teito de madeira e nalgún momento dos dous séculos seguintes ampliaríase coa engádega das dúas capelas laterais. Nunha delas aparecen os sepulcros cos escudos dos Piñeiro e Pita da Veiga, sen que haxa certeza sobre a identidade dos persoeiros soterrados, aínda que un deles disque é Gonzalo Piñeiro, primeiro propietario do castelo do que existen trazas históricas. Foi igrexa refuxio entre o século XIII e o XVI, un privilexio que a convertía en lugar no que celebrar xuízos. No século XVIII instalouse o retablo por riba as ricas pinturas ao fresco do altar maior que aínda se conservan ocultas. O retablo chama a atención pola minuciosidade das súas tallas e polas cores empregadas que, sen embargo, non son orixinais senón resultado dunha “restauración” na segunda metade do século XX. A planta é de cruz latina, con nave principal, dúas capelas laterais e sacristía.

Preto da igrexa atópase a Fonte de San Roque, posiblemente do século XVIII, aínda que hai novas investigacións que apuntan a unha orixe máis tardía, xa a comezos do século XX -cca. 1903, igual que o cruceiro do adro- e construída por doazón de Romualda Pena. É unha pía de canteiría sobre a que se colocou unha furna de toelo cunha escultura do santo no mesmo material á que nalgún momento a mediados do século XX lle foi sustraída a figura do can que si se pode ver nunha talla do altar maior da igrexa. Na parroquia de Naraío tamén se atopa a capela na honra de Santa Mariña, situada no lugar da Fraguela.

En Ferreira tamén atopamos referenzas ao patrimonio relixioso xa desde o século XI, cando un escrito nos fala da presenza de dous templos, un na honra de San Paio e outro adicado a San Vicente. O primeiro está situado no lugar da Seara e é de estilo barroco. Nada se conserva do seu pasado románico e hoxe a igrexa preséntase nun único corpo con nave central, presbiterio e sacristía trala última remodelación custeada polos veciños en 1797 e sendo párroco Francisco Sales Somoza. O interior é moi sobrio, cun sinxelo retablo de madeira como altar maior presidido polo santo mártir. Porén, na igrexa tamén se atopa a figura dun San Vicente encadeado que, segundo a tradición, fuxía polas noites para irse deitar á súa “cama” no alto do pico que leva o seu nome.

A lenda debe ter fundamento histórico, habida conta de que no pico houbo algún tipo de construción cristiá da que hoxe queda como vestixio unha tumba antropomorfa -a famosa cama do santo- cavada na rocha e cunha pía na cabeceira. Crese que o Pico de Ferreira foi lugar de culto pagán desde antes da cristianización e, ata épocas relativamente recentes, sitio ao que ir para curar doenzas de persoas e animais.

Ao pé de San Paio tamén hai unha fonte dedicada ao santo e á virxe de Pastoriza. Está feita con dous cabezais unidos por unha moldura. A fonte data do 1890 e en orixe tiña dous canos de auga, un para cada devoción. Ferreira tamén conta coa hermida de San Cristovo, situada na parte alta da parroquia e é o lugar onde se localizan os únicos petos de ánimas que hai no concello, un no cruce da Leiriña e outro nas Filgueiras.  En San Sadurniño cóntanse 11 cruceiros, o número máis elevado de todos os concellos da comarca segundo se reflicte nun estudo de Juan José Burgoa publicado no nº 23 do Anuario Brigantino. Case todos están feitos en toelo -nome común dun mineral do grupo das serpentinas- moi abundante nas canteiras de Moeche, de onde saíron tamén baños de salgar, dinteis para portas e fiestras, píos e fregadoiros e mesmo a materia prima para ornamentar lugares de culto.

Na parroquia de Lamas encóntrase a igrexa na honra de San Xiao. É tamén barroca e cunha única nave rectangular con presbiterio. Sería xemelga da igrexa de Ferreira se non fose porque o campanario, a diferenza desta, sobresae dunha torre que parece encastrada no lateral da nave sen que se saiba ben o motivo. Quizais a intención era dotar o templo de dúas torres ou quizais foi unha necesidade estrutural. En calquera caso, a parroquia e a súa igrexa aparecen en textos medievais e sería no século XVIII cando se acometería a reforma do templo tal e como hoxe o coñecemos. Relativamente preto dela, no Camiño Arriba, encóntrase ao pé da estrada a capela de Santo Estevo, que conta cun cruceiro do ano 1931 case pegado á súa fachada principal.

A igrexa de Santa Mariña do Monte, está situada en Moimentos e presenta varias peculiariedades. A primeira é que ao campanario se accede por unha escaleira exterior -algo que tamén ocorre en Naraío- e a segunda que ten no seu lateral unha cuberta de lousa que puido ter sido empregada como lugar de celebración de culto cando dentro da igrexa houbera un soterramento recente. Cómpre ter en conta que o interior das igrexas se empregou durante séculos como camposanto e de aí que, tal e como defende o expárroco Francisco Javier Martínez,  se fixese un alpendre que aliviase as misas de cheiros desagradables. Este estudoso da historia eclesiástica sinala que  a actual igrexa se reformou no século XVIII partindo dun templo primitivo que podería estar datado entre os séculos IX e XIII, habida conta de que hai constancia escrita da existencia da parroquia vencellada nesa época á desaparecida diocese de Iria Flavia. Outra particulariedade da igrexa é que conta cunha capela gótica do século XVI dedicada á Inmaculada.  Asociada á igrexa tamén se encontra unha capela no lugar da Esperanza.

A igrexa de Santa María de Bardaos é, se cadra, a máis sinxela de todas cantas podemos atopar no municipio. Igual que a maioría das da zona esta tamén é barroca. Conta cunha única nave e presbiterio, que neste caso non está sobreelevado como ocorre noutras igrexas. A sacristía esténdese como un anexo no muro leste do edificio. Na fachada destaca a espadana do campanario con tres ocos -dous para as campás- e rematada con dous pináculos. Campanarios semellantes atopámolos só en Santa Mariña e Naraío, pero en Bardaos o tamaño da base suxire que houbo intención de facerlle unha torre con cupulín como, por exemplo, as de Lamas ou Ferreira.

Un dos templos máis espectaculares de San Sadurniño é o de Igrexafeita, ergueito na honra de Nosa Señora do Biscordel que, segundo a tradición, tería aparecido nun manancial situado a escasos metros da igrexa. Non se parece a ningunha das outras construcións relixiosas do municipio, quizais polo seu campanario -que dobra a altura do corpo principal- ou quizais porque a pedra exterior sempre estivo á vista. É de estilo gótico cunha nave central, sacristía no muro norte e unha capela no do sur. A igrexa sufriu numerosas modificacións, a máis recente do 1903, cando se lle fixo o campanario. Porén, que é gótica sábese ben mirando o altar maior. Desde o século XVIII tivo un retablo que hai unha década se retirou por causa do seu mal estado para colocalo na capela lateral. A operación deixou ao descuberto riquísimas pinturas murais nun excelente estado de conservación que cobren toda a parede prolongándose incluso por entre os nervios da bóveda de cruzaría. As investigacións efectuadas durante a restauración dos frescos revelaron que foron executados en distintas épocas nalgún momento entre os séculos XI e XIV. As imaxes representan escenas da Anunciación e da Asunción da virxe María con debuxos vermellos e ocres de grande detalle. A representación de Deus Pai preside a composición que se completa con anxos trompeteiros, a pomba e un grupo de apóstolos. No deseño introdúcecese unha rudimentaria perspectiva pouco habitual na arte daquel tempo. Hai probas de que en Naraío tamén existen murais semellantes que poderían ser da mesma autoría debido á similitude dos trazos.

En Igrexafeita tamén se atopa a ermida de Amido, situada ao nordeste da parroquia moi preto do curso alto do río Grande de Xubia. Está dedicada a San Marcos e presenta un estado case ruinoso tras dúas décadas sen celebrar alí ningún tipo de culto. Non temos  datos sobre a súa antigüidade e mesmo é posible que para a súa construción se aproveitasen materiais procedentes de vestixios anteriores. Iso explicaría, por exemplo, que nunha das súas aristas laterais e a ras do chan se poida ver unha prominente cabeza de serpe ou dragón esculpida en granito que en aparencia non semella ter demasiada relación co resto da edificación. Tamén podería tratarse da cabeza dun león que, nese caso, si tería relación, posto que este animal é o que se vencella na tradición cristiá coa figura de San Marcos. <<< voltar a Patrimonio