Cheo na Casa da Cultura para a presentación da obra que recolle máis de mil anos de historia local

0

A historiadora Margarita Sánchez Yáñez presentou o pasado venres na Casa da Cultura a obra “Historia de San Sadurniño ata a metade do século XVIII”. Ao evento asistiron arredor dun cento de persoas, entre as que se contaron familiares e amizades da autora, veciños e veciñas, persoas do mundo académico e tamén representantes públicos, como os presidentes actual e anterior da Deputación da Coruña, o alcalde e parte do equipo de goberno municipal.

Secundino García agradeceulle tanto á autora como á Deputación a publicación deste volume que condensa, por primeira vez, a historia do territorio desde o Neolítico e a Idade do Ferro ata a última estapa do Antigo Rexime. A edición da obra foi froito “da casualidade”, tal e como asegurou Diego Calvo. O actual delegado da Xunta na Coruña era presidente da Deputación no momento en que, segundo explicou, un dos técnicos deste organismo lle falou da obra de Sánchez Yáñez e da conveniencia de publicala, aproveitando para iso a imprenta provincial. A esta última tamén se referiu o actual presidente, Valentín González, quen destacou tanto a calidade histórica da obra como o traballo “de servizo público” realizado pola imprenta da Deputación, ao tempo que louvou que o seu predecesor no cargo apostase polo proxecto.

Tralas intervencións dos representantes públicos, Margarita Sánchez ofreceu unha amena conferencia tomando como punto de arranque unha breve introdución á xénese da obra. A historiadora comezou co proxecto a mediados dos anos 70 cando aínda era estudante e desde aquela foi recollendo referenzas e investigando en múltiples arquivos que a forneceron de material suficiente como para chegar no seu percorrido ata o tempo actual. Varias partes do libro presentado o venres xa foran publicadas na Revista de Estudos Mindonienses -o anuario histórico-teolóxico da diocese en cuxo consello de redacción tamén participa Sánchez Yáñez- e, neste sentido, a autora anunciou que este sería o soporte no que vería a luz a historia de San Sadurniño do século XVIII en diante, independentemente de que se poida converter nun ou dous volumes con entidade propia con posterioridade.

Mentres se agarda por esa segunda parte -da que Fálame de San Sadurniño xa leva publicados algúns pasaxes nos últimos meses- o que temos nas mans dá para ler e reler de vagar. Tal e como sinalou a semana pasada a autora, o libro renuncia a aspectos propios da linguaxe de divulgación para tratar de condensar con rigor e seriedade histórica a maior parte das referenzas a San Sadurniño desde que o nome aparece por primeira vez nun documento do xéculo IX.

A través de 355 páxinas vanse tecendo referenzas documentais que en grande medida nos falan da evolución da fidalguía e principalmente da do clero no territorio por ser destes dous estamentos sociais dos que quedou a maior parte da constancia escrita. Porén, Margarita Sánchez preocúpase de analizar os vínculos entrambos e a súa relación co pobo buscando en todo momento contextualizalas cos acontecementos históricos de cada época. Un labor que en certos momentos se ve obrigado á teorización argumentada ante a falla de documentación. Na obra destaca a concienzuda investigación sobre as instalacións do Rosario, que terían pasado por múltiples vicisitudes e reformas ao longo da súa historia, ademais do estudo comparativo da situación das distintas parroquias do municipio segundo os datos de campo recabados durante a elaboración do Catastro de Ensenada a mediados do século XVIII. Esta última parte da obra dá conta de forma exhaustiva dos medios de vida, da paisaxe e incluso das principais construcións civís que existían en San Sadurniño hai 250 anos.

Todas as persoas que asistiron o venres á presentación da “Historia de San Sadurniño ata a metade do século XVIII” recibiron un exemplar de forma gratuíta. O libro está xa na biblioteca e seguramente non tarde moito en estar tamén dispoñible nas librarías.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0336_gl.html#/-1/

Share.