Ferrol, Ortegal e A Mariña demandan da Xunta un plan de mobilidade comarcal

0

 

17 concellos do norte das provincias da Coruña e de Lugo reuníronse esta mañá en Cariño coa Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para falar, principalmente, de dous asuntos: as previsións autonómicas para o avance das obras da Vía de Altas Prestacións e tamén das deficiencias que, segundo sosteñen os municipios, aqueixan o transporte público ferroviario e por estrada. A responsable autonómica informou que a Xunta acababa de convocar o contrato para levar adiante as expropiacións do tramo San Sadurniño-A Sanguiñeira. Un anuncio que, malia todo, non permite a día de hoxe aventurar prazos concretos sobre o inicio das obras. Na xuntanza acordouse crear unha comisión de seguimento formada por tres representantes da consellaría e outros tres representantes dos concellos, un por cada comarca. No referido á mobilidade, os municipios achegáronlle a Ethel Vázquez un documento no que se solicita unha reunión urxente con ADIF e RENFE, a redacción dun plan de mellora e mantemento de infraestruturas coa correspondente dotación orzamentaria e tamén a confección dun plan comarcal de mobilidade.

O documento é o resultado das xuntanzas mantidas nas últimas semanas pola practica totalidade de representantes municipais do eixo Ferrol-Viveiro e vén lembrarlle á Xunta a necesidade de cumprir coas Directrices de Ordenación do Territorio, onde a propia consellería incluiu varias determinacións relacionadas co transporte por estrada, coas infraestruturas ferroviarias e coa implantación de sistemas eficientes de transporte colectivos de proximidade. “Determinacións que nas nosas comarcas non responden á realidade malia especificar que en relación aos espazos rurais, será preciso desenvolver solucións específicas que concilien as necesidade de mobilidade da poboación coa viabilidade dos servizos. Estas solucións precisarán conxugar distintas proposats como o fomento de modos de transporte colectivos adaptados ás necesidades de espazos con baixa densidade de poboación…”, explican no escrito citando o articulado das directrices autonómicas.

As demandas municipais van en dúas direccións. Unha, a reordenación e modificación de rutas no transporte público por estrada ” adaptadas ás necesidades reais da poboación”, mantendo paradas e facilitando a interconexión co transporte ferroviario. A outra, centrada no tren, pide que se cumpran os horarios solicitados pola Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que RENFE achegue máis recursos ao servizo, que se axeiten os horarios ás necesidades da xente e que se asegure o mantemento en boas condicións da infraestrutura. Unha petición esta última que se estende tamén á liña convencional Ferrol-A Coruña.

Canda estes aspectos concretos, os concellos poñen o acento na urxencia de abordar un plan para a xestión da mobilidade que cohesione as comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña e para iso demandan unha reunión na que participen os municipios, ADIF, RENFE e a Consellería de cara a determinar as liñas estratéxicas, que deberán ir acompañadas dun programa de mantemento das infraestruturas “coa súa correspondente dotación orzamentaria”.

Ethel Vázquez sinalou que a Xunta está a traballar para implantar este ano o Sistema de Axuda á Explotación (SAE), no marco do Plan de Modernización do Transporte Público de Galicia, coa fin de mellorar as prestacións de servizos do transporte interurbano.

Engadiu que dende o Executivo autonómico “estase a velar polo estrito cumprimento dos servizos que prestan as empresas de transporte” e, neste sentido, instou aos municipios a que denuncien “os incumprimentos na prestación dos servizos que detecten por parte das empresas”. Tal e como informa a consellaría, Ethel Vázquez tamén lle pediu aos rexedores que trasladen as súas propostas concretas de mellora de liñas a curto prazo, “para tratar de mellorar horarios e servizos alí onde consideren preciso”. A titular de Infraestruturas adiantou que a partir de 2019 o transporte interurbano se rexerá por un sistema “a demanda” que, en palabras de Secundino García, “soa máis a ciencia ficción que a unha solución real do problema”.

No referente á mellora do servizo ferroviario, a conselleira indicou que as demandas dos municipios do norte “xa se lle trasladaron á ministra de Fomento e ao presidente de RENFE”.

Sen prazos para novos tramos da VAP
O encontro entre os municipios do norte e a conselleira celebrado en Cariño esta mañá é o primeiro desde o pasado mes de novembro, cando Ethel Vázquez anunciara como próximo avance da VAP o inicio das expropiacións dos terreos no tramo San Sadurniño-A Sanguiñeira. Un anuncio que volveu repetir hoxe co aval da publicación no DOG, onte mesmo, do anuncio de contratación da xestión de todo o proceso expropiatorio. Un anuncio que, porén, non achega información nova sobre o futuro inmediato da vía de altas prestacións, habida conta de que a contratación desta asistencia técnica se fará tendo como único criterio de adxudicación o prezo e non a celeridade coa que se faga o traballo. De feito, a convocatoria marca un prazo de dous anos para ter rematadas as expropiacións nesta parte do que será o futuro tramo entre a AG-64 e o Campo do Hospital.

Dos 82 quilómetros da vía só hai en funcionamento algo menos dun dez por cento, o correspondente á variante de Ortigueira. “Antes de finais de ano”, segundo a conselleira, entrará en servizo un segundo tramo: a variante de San Cibrao, de 9 quilómetros de trazado. Na xuntanza desta mañá acordouse crear un grupo de traballo e seguimento no que hai tres persoas en representación da consellaría e outras tres en representación dos concellos: o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso, en representación do Ortegal; José Jesús Novo, alcalde do Vicedo, en representación da Mariña e, por último, Secundino García como representante dos municipios da área de Ferrol.

Share.