AGFA e Concello programan un novo curso de fruticultura para outubro

0

A Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) organiza en colaboración co Concello un novo curso dirixido a aquelas persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. O docente será o técnico na materia Alberto Varela, que abordará cuestións como a morfoloxía da árbore froiteira e as técnicas de plantación, pero tamén os traballos de mantemento, poda e enxertado. O curso tratará ademais sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén se realizarán prácticas de transformación de froitas e hortalizas. Esta acción formativa ofrece un máximo de 25 prazas -gratuítas para a xente de San Sadurniño ou socias da AFGA- e para apuntarse hai que chamar antes do 4 de outubro aos teléfonos 981 490 027 ou 647 016 351.

O curso constará dun total de 24 horas de duración e, de cara a facilitar a asistencia, desenvolverase os sábados do mes de outubro entre as 9.30h e as 14.00h. A parte teórica impartirase na Casa da Xuventude tratando practicamente todo o que hai que saber para poñer a producir en condicións unha plantación de árbores froiteiras, principalmente de variedades de mazá, pera e dos froitos de óso que máis abundan na comarca.

A Asociación Galega da Froita Autóctona -con quen o Concello ten suscrito un convenio de colaboración- centra boa parte dos seus esforzos na recuperación e posta en valor das castes tradicionais coas miras postas en que xurdan iniciativas capaces de abastecer os mercados de proximidade e incluso tendas especializadas na comercialización de produtos da máxima calidade.

Ver o potencial produtivo de cada variedade é, xunto coa súa conservación, unha das funcións da Horta autóctona “Carlos Fornos”, situada na Cortiña. Neste campo será onde o alumnado do curso poderá seguir os contidos prácicos incluídos no plan formativo que se desenvolverá entre o 6 e o 27 de outubro. Ademais, unha das xornadas do curso quedará para a primavera de 2019, xa que estará centrada en técnicas  propias desa época do ano.

Para que esta proposta saia adiante será necesario xuntar un mínimo de 15 persoas. Por razóns loxísticas e de aproveitamento fixouse en 25 o tope de participantes. As prazas cubriranse por orde de inscrición, aínda que terán prioridade aquelas persoas empadroadas en San Sadurniño ou que sexan socias da AGFA. En ambos casos o curso é gratuíto. Para quen non cumpra ningunha destas dúas condicións, a matrícula terá un prezo de 25€, que se han de pagar o primeiro día.

Para apuntarse hai que chamar ao teléfono da AGFA -José A. Bellas, 647 016 351- ou ao do Concello -981 490 027- antes das 14.00h. do día 4 de outubro.

Share.