A mesa institucional de Seitura 22 reúnese para facer achegas á estratexia do Leader

0

 

Representantes dos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal -ademais de Vilarmaior e Miño- reuníronse na tarde deste luns en San Sadurniño convocados pola asociación Seitura 22 para formularen achegas á estratexia coa que a entidade aspira a xestionar na zona o programa Leader 2014-2020. Na xuntanza, á que asistiron a totalidade de municipios do ámbito de actuación do Leader, propuxéronse distintas medidas, condensadas na necesidade de “converter o medio rural nun lugar no que poder vivir e traballar”, tal e como asegurou Secundino García.

O encontro encádrase dentro do proceso participativo que Seitura 22 está desenvolvendo por todo o territorio con distintos sectores, como o do turismo, o da produción agropecuaria, o tecido asociativo, o relacionado co benestar ou, neste caso, o das institucións. Todos eles estruturados en mesas de traballo que, nunha primeira rolda, se encargan de definir fortalezas e debilidades a xeito de radiografía do rural para, a partir delas, marcar liñas estratéxicas de actuación que despois deberán ser validadas e incorporadas ao documento definitivo que rexerá a execución do Leader 2014-2020.

As asembleas son abertas e delas infórmase -igual que sobre o resto de actuacións de Seitura 22- a través do blog da entidade: seitura.blogspot.com. Na asemblea deste luns a representación municipal debateu durante case tres horas sobre cales son os principais problemas do rural -despoboamento, abandono do sector primario, etc.- pero tamén das posibilidades de futuro que se abren diante del sempre e cando se lle brinde apoio. A este respecto, o alcalde de San Sadurniño sinalou que, se ben o Leader “ten uns recursos económicos limitados” -algo menos de 4 millóns de euros ata 2020 para proxectos nos 22 concellos- “debe aproveitarse para que o rural sexa un lugar no que vivir e traballar”.

García avogou por destinar recursos “ao labor de dinamización e acompañamento técnico” co obxectivo de que as iniciativas que se poñan en marcha “teñan máis garantías de éxito”. Unha proposta que “debe ser tida moi en conta” posto que, tal e como lembrou Secundino García os fondos europeos deben axudar a revitalizar o rural “engadindo máis factores que o turismo ou a rehabilitación do patrimonio”. O rexedor puntualizou que este novo Leader “conta con menos recursos e que con eles hai que atender moito máis territorio, por iso é tan importante que o plan estratéxico recolla até onde permite a normativa dos fondos actuacións de apoio ao tecido produtivo existente e de promoción das novas oportunidades”.

Share.