O Concello de San Sadurniño activou este luns o procedemento para a reserva de espazos comerciais na XXIX Feira da Plantación, que terá lugar na leira da Cortiña o último domingo de abril. A Área de Desenvolvemento Local está a ultimar unha completa programación que virá complementar a grande variedade de produto que ofrece o evento, entre planta de temporada, árbores froiteiras, alimentación, artesanía e materia prima para o campo, así como ferramentas e calquera útil relacionado co mantemento de hortas e xardíns. Ademais, tamén haberá sorteos e o tradicional agasallo dunha bolsiña con planta ornamental ofrecido polo Concello grazas á colaboración de Vivergal. As persoas e empresas interesadas en instalar o seu expositor nunha cita que adoita reunir milleiros de visitantes teñen de prazo ata o luns 13 de abril para formalizar a súa inscrición, que deberá tramitarse a través da Sede Electrónica, por correo postal ou de xeito presencial nas oficinas municipais.
Na feira poderán participar viveiros, floristas, produtores e produtoras de horta, expositores de venda de produtos ecolóxicos, postos de artesanía, maquinaria agrícola e entidades sen ánimo de lucro. A solicitude na folla normalizada poderá rexistrarse presencialmente no Concello ou na Casa da Cultura —no caso de persoas físicas—, por correo postal certificado ou a través da sede electrónica municipal, vía obrigatoria para persoas xurídicas.
As solicitudes, debidamente cubertas, implican o cumprimento da normativa fiscal, laboral e sanitaria correspondente á actividade. No caso da produción ecolóxica será necesario contar co certificado do CRAEGA, mentres que os postos de venda directa de produtos primarios deberán estar inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e na sección de venda directa (SEVEDI).
Os postos de Artesanía de Galicia deberán achegar o seu número de rexistro, mentres que as restantes vendedoras e vendedores de artigos artesanais terán que anexar á solicitude unha foto do posto e dos produtos que teñen previsto vender, ademais de declarar responsablemente que están de alta en Facenda.
Nesta edición modifícanse as medidas máximas de ocupación de cara a optimizar o espazo nos sendeiros e axeitar a distribución ás necesidades reais. Como norma xeral poderán solicitarse ata 10 metros frontais, ampliables ata un máximo de 20 metros no caso de viveiros e maquinaria agrícola.
En todo caso, a superficie finalmente asignada poderá variar en función do número de solicitudes recibidas e das necesidades de organización do recinto feiral. As persoas expositoras deberán achegar o seu propio mobiliario e equipamento para instalar o posto, aínda que tamén hai a opción de que viveiros e postos agroalimentarios ou agroecolóxicos lle soliciten ao Concello a instalación dunha cuberta individual con distintas medidas e prezos.
As cotas establecidas para a ocupación e, de ser o caso, para que o Concello corra coa montaxe dunha carpa, son as seguintes:
- 1 a 4 metros frontais por 5 de fondo: 10€
- 5 a 10 metros frontais por 5 de fondo: 25€
- 11 a 20 metros frontais por 8 de fondo: 60€
- Entidades sen fins de lucro (postos de entre 1 e 4 metros frontais por 5 de fondo): Gratis
- Solicitude de carpa de 3×3 metros instalada polo Concello: 100€
- Solicitude de carpa de 5×5 metros instalada polo Concello: 150€
- Solicitude de carpa de 12×6 metros instalada polo Concello: 250€
Se se solicita unha toma de corrente, o prezo incrementarase en 15€. A maiores, os postos de alimentación que precisen estacionar o seu vehículo durante toda a xornada dentro do recinto feiral tamén verán aumentada a cota en 20€.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o luns 13 de abril ás 23:59h (se se fai pola sede electrónica), mentres que o listado de postos admitidos publicarase na páxina web municipal unha semana despois, o luns 20 de abril. Nos tres días seguintes á publicación da relación de expositores deberase efectuar o pagamento da cota que corresponda segundo os conceptos solicitados.
Ese pagamento cómpre efectualo presencialmente nas oficinas municipais ou ben mediante transferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 especificando no concepto “Inscrición Feira da Plantación 2026”, o nome da persoa expositora -terá que cadrar co da solicitude- e o número de posto asignado no listado publicado polo Concello. O xustificante da transferencia haberá que envialo ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal antes do día da feira (o propio día 26 non se admitirán resgardos de pagamento).