Volve “Polo Nadal, consumo local”

0

Facer gasto nos establecementos de San Sadurniño volverá ter premio durante estas festas do Nadal. E é que o Concello promove de novo a campaña de apoio aos negocios locais “Polo Nadal, consumo local”. Unha proposta coa que se pretende dinamizar o noso tecido comercial e hostaleiro, ademais de poñer en valor a calidade do servizo que nos ofrecen tendas, bares, restaurantes e outras actividades económicas que participan na campaña. O Concello empezará a repartir entre hoxe e mañá os talonarios de rifas cos que entraremos no sorteo de dez cestas cargadas de produto galego.

Este ano “Polo Nadal, consumo local” desenvolverase entre o 12 de decembro e o 7 de xaneiro. Por cada compra ou consumición que fagamos en calquera dos establecementos adheridos entregarannos unha papeleta para entrar no sorteo dun total de dez lotes repletos de produtos de calidade, moitos deles de produción de proximidade.

Igual que en anteriores edicións haberá rifas para gastos inferiores a 10€ -de cor amarela- coas que poderemos ganar unha das sete cestas valoradas en 70€, mentres que por cada gasto que sexa superior a 10€ darannos unha papeleta azul coa que participar no sorteo doutras tres cestas valoradas en 140€ cada unha.

En todas as rifas que vaiamos xuntando ao longo da campaña deberemos poñer o noso nome e apelidos e, importante, un teléfono de contacto para que o Concello poida avisarnos en caso de que nos toque. Unha vez cubramos os datos -con letra doada de ler- teremos que botar a papeleta na urna da campaña que atoparemos en todos os locais adheridos á iniciativa.

En resume: canto máis compremos e consumamos en San Sadurniño, máis posibilidades de conseguir algún destes agasallos, que se sortearán nun acto público o 12 de xaneiro.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela Mecías, agarda que este ano a campaña “supere amplamente o resultado da edición do Nadal 2024, cando se repartiron máis de 20.000 papeletas”. O edil engade que “Polo Nadal, consumo local”  é unha maneira de “apoiar os pequenos negocios que están máis preto de nós e de recoñecer en certo modo o servizo tan bo e tan necesario que nos ofrecen todos os días, non só nestas festas”.

Varela destacou, ademais, que a campaña tamén serve para reivindicar “a calidade excepcional e o bo facer do agro desta zona e do ámbito do Xeoparque Cabo Ortegal”, en referencia a que os artigos alimentarios que van nos lotes “son da comarca e algúns deles elaborados na Fusquenlla. Agardemos que para o ano a maior parte dos produtos poidan ir xa identificados coa nova marca KB0, presentada recentemente como selo de calidade acreditada dos produtos agroalimentarios e do mar do xeoparque”.

Postais para felicitar as festas
Dentro das cestas da campaña tamén irá a colección postais deseñadas pola acuarelista Blanca Escrigas, elixidas polo Concello como regalo institucional para estas datas. Son sete tarxetas nas que a artista ferrolá debuxou as igrexas das parroquias. Poderán recollerse gratis nas oficinas municipais e na Casa da Cultura desde mediados deste mes de decembro, co obxectivo de que a veciñanza poida utilizalas para felicitarlles as festas a familiares e amizades.

Share.