Unanimidade no último pleno ordinario de 2025

0

O pleno municipal celebrado no serán deste xoves, o último de carácter ordinario do ano, estivo marcado pola unanimidade en todas as votacións que se produciron. Certo é que a maioría dos puntos eran cuestións de trámite que xa viñan avaladas polos tres grupos na comisión informativa previa á sesión, pero non deixa de ser destacable que o BNG, o PP e o único representante do PSdeG-PSOE estivesen de acordo en todos os temas. Así, sairon adiante a actualización segundo o IPC das ordenanzas fiscais que se aplicarán en 2026, a actualización das políticas de ciberseguridade, a moción en demanda dun tren moderno para as comarcas -da que xa falamos onte- e tamén a declaración institucional con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas.

A declaración institucional comeza lembrando que en 2025 se fixeron os 18 anos da Lei galega contra a violencia machista, unha norma “pioneira e vangardista” que entendeu a violencia contra as mulleres como consecuencia do patriarcado e deseñou medidas integrais de prevención, protección e apoio. Porén, o texto recoñece que “non é suficiente”, pois quedan aspectos por desenvolver, como a atención psicolóxica na Atención Primaria, o incremento das axudas económicas, o recoñecemento das vítimas de agresión sexual ou a mellora da formación especializada e da dotación dos CIM .

A declaración aprobada onte destaca, ademais, o informe do Consello de Contas sobre as políticas contra a violencia de xénero entre 2018 e 2022, que revela que a Xunta só destina o 3% dos recursos á prevención, que se reduciu o persoal e que non existe un sistema público e directo de atención ás vítimas. O documento subliña que os centros de acollida son maioritariamente municipais ou privados, e que os centros de crise 24 horas para violencia sexual tamén están en mans privadas, agás o CEMVI, que é o único centro público de titularidade autonómica .

A proposta de acordo presentada no pleno tamén lembra os 30 anos da Declaración de Beijing e o seu recoñecemento de que a violencia de xénero é un obstáculo para a igualdade e os dereitos humanos. Fronte ao avance das posicións negacionistas e ao “baleirado dos servizos públicos”, a corporación reclama “máis feminismo, máis recursos e máis servizos públicos”. Ademais, menciona que en 2024 foron asasinadas cinco mulleres en Galicia e que no 2025 xa houbo varios feminicidios, sinalando que a violencia machista é “un problema de dereitos humanos” que require unha resposta institucional firme .

Finalmente, o Concello de San Sadurniño denuncia que o negacionismo é tamén unha forma de violencia machista e reafirma o seu compromiso coa prevención, a educación e o acompañamento ás vítimas. Solicita á Xunta que aplique as recomendacións do Consello de Contas, mellore os CIM e asuma mediante xestión pública os centros de crise 24 horas, así como a creación dunha axuda específica para vítimas de violencia sexual. Reitérase tamén a demanda ao Estado dun xulgado específico de violencia machista en Ferrol e o compromiso municipal de seguir defendendo os dereitos das mulleres dentro das súas competencias.

Rogos e preguntas
Ao ser ordinario, o pleno tamén incluiu un apartado final para rogos e preguntas, no que o PP se interesou pola campaña de caracterización dos residuos domésticos que está levando a cabo o Concello -cunha subvención da Xunta de 12.000 euros- e polas previsións de posta en marcha do novo punto limpo móbil, que proximamente comezará o seu percorrido con parada durante varios días en todas as parroquias.

Noutra orde de cousas, a oposición preguntou polo traballo da empresa do mantemento eléctrico, criticando a demora na reparación de avarías en Cornide e na estrada de Pedroso. O alcalde saiu ao paso das aseveracións do PP defendendo a rapidez do servizo á hora de atender as incidencias. Secundino García dixo que os fallos que se producen cada certo tempo son debidos ao roce de pólas de árbores que non gardan as distancias mínimas, razón pola que o Concello xa lle reclamou a limpeza ás persoas propietarias.

O PP tamén inquiriu ao Goberno local sobre cando e como se vai concretar a homenaxe ao mestre Manolo Seco, principal promotor do volei local a principios dos anos 80.

Por outra banda, o Partido Popular volveu preguntar polos locais para os grupos políticos que, segundo respostou o alcalde, están xa listos. Neste sentido, Secundino García Casal convidou ás portavocías para que coordinen como queren ocupar eses espazos, situados na Casa da Cultura.

A última cuestión foi tamén a máis debatida. O PP preguntou novamente pola posta a disposición do público da edición de luxo da obra gráfica de Castelao adquirida hai uns anos polo Concello. O alcalde sinalou que a colección encadernada de viñetas estivo exposta na galería municipal no marco dunha mostra sobre o intelectual galeguista, ao tempo que asegurou que a obra está a disposición de quen queira vela, colocada nun dos andeis da sala de xuntas da alcaldía.

Share.