Tres charlas sobre o sector primario serven de aperitivo do mercado local do último domingo de mes

0

San Sadurniño celebrará o último domingo de mes o segundo mercado local do inverno, co que se tenta dinamizar en certa medida a economía local e, principalmente, a que se centra na produción e a comercialización de alimentos de calidade. Porén, ademais de organizar mercados, en San Sadurniño tamén se busca apuntalar o sector primario a través da formación, ben para mellorar a capacitación dos e das profesionais xa establecidos ou ben para ofrecerlles asesoramento a aquelas persoas que queiran dar o paso de vivir da terra. Durante estes días desenvolveranse tres actividades neste sentido. A primeira delas tivo lugar este martes na Casa da Xuventude para falar do potencial agrogandeiro da zona e das liñas de axuda convocadas por Medio Rural tanto para o establecemento de novas explotacións como para a mellora dos procesos -ou do aforro- daquelas que xa están funcionando.

Esta charla, impartida por persoal da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol e á que asistiron 13 persoas, ocupouse principalmente da convocatoria de axudas publicada a finais de ano pola Xunta e que consta de tres liñas: unha para investimentos en melloras das explotacións agrarias -ata o 40% dos gastos elixibles-, outra para incorporación da mocidade -ata 70.000 euros, sempre e cando se establezan por primeira vez e teñan entre 18 e 40 anos- e unha terceira para o impulso a pequenas explotacións, cunha contía máxima de 15.000 euros. O prazo para solicitar calquera destas tres liñas está aberto desde o 18 de xaneiro e rematará o 18 de marzo.

O seguinte encontro sobre o medio rural terá lugar tamén na Casa da Xuventude este venres. A Asociación Agroecolóxica A Cortiña e mailo Concello organizaron para as 19.00h. unha nova sesión de formación e debate para falar sobre os xeitos de impulsar a agroecoloxía. O principal punto do encontro -aberto a membros da entidade e a calquera persoa interesada- será o das necesidades formativas, de asesoramento e de mellora da produción, xunto coas posibles vías de comercialización e de colaboración entre os agrogandeiros e agrogandeiras da zona.

A última das sesións previas ao mercado local desenvolverase o venres 26 de febreiro tamén na Casa da Xuventude e ocuparase do cultivo de castiñeiros para a produción de castaña. Ramiro Martínez -enxeñeiro técnico agrícola e propietario dos viveiros O Pomariño- leva 20 anos recuperando e multiplicando especies froiteiras do país, entre elas o castiñeiro. Falará do material vexetal máis axeitado para formar un souto, dos marcos de plantación e dos coidados que requiren as árbores que, malia ser resistentes á tinta, si se ven ameazadas por outras enfermidades que requiren vixiancia constante e tratamentos axeitados.

Esta charla sobre o cultivo de castiñeiros para produción de froito está organizada pola AGFA do Eume e mailo Concello.

Mercado local o último domingo de febreiro
Estas sesións formativas e de debate sobre agrogandeiría servirán de aperitivo para o mercado local do domingo 28 de febreiro, no que seguramente poidamos atopar moitos produtos de temporada e de excelente calidade, ademais de artesanía e artigos de segunda man.

O prazo de solicitude de sitio para colocar un posto remata o 24 de febreiro ás 14.00h. Haberá que cubrir o formulario que hai ao pé desta noticia e despois entregalo no rexistro municipal, levalo á Casa da Cultura en horario de mañá, mandalo por correo ao Concello -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou ben envialo cuberto á conta de correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A listaxe de postos admitidos publicarase o xoves 25.

Documentación descargable
Folla de solicitude no mercado

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0354_gl.html#sthash.yIsHEXKv.dpuf

Share.