O Concello de San Sadurniño e a Fundación Casa de Alba veñen de asinar este mércores a ampliación por outros 15 anos do usufructo municipal do castelo de Naraío. O acordo, rubricado ante o notario de San Sadurniño polo alcalde, Secundino García Casal, e polo director xurídico da fundación, o avogado Emilio Ramírez Matos, garante a continuidade da xestión pública da fortaleza e abre a porta a novas intervencións de conservación. De feito, a sinatura do documento cadra co impulso á cuarta fase das actuacións de posta en valor do castelo, que o Concello xa ten definida e cun orzamento que ronda os 190.000 euros. A maior parte deste investimento prevese cubrir cunha achega que xa se lle solicitou á Deputación da Coruña.
As obras previstas céntranse na consolidación de estruturas que presentan problemas de estabilidade, especialmente na Torre da Homenaxe e nos recintos amurallados. Neste sentido, o proxecto inclúe a retirada de derrubes, a recolocación de sillares e a estabilización dos muros e dos apoios sobre a rocha de distintas partes da estrutura, co obxectivo de frear o seu deterioramento e garantir a seguridade do conxunto.
Unha das actuacións máis destacadas levarase a cabo na base da Torre da Homenaxe, onde se pretende definir con claridade o seu arranque sobre a rocha viva, retirando para iso os entullos acumulados na súa base durante séculos, boa parte deles xa estudados nas catas efectuadas na anterior fase de consolidación. Arredor da torre tamén se afondará no primeiro recinto amurallado, recuperando zonas de paso históricas como a antiga poterna, hoxe ocultas pola acumulación de terras e pedras.
No segundo peche perimetral do montículo está prevista a consolidación dun contraforte clave para a estabilidade do castelo, moi afectado pola entrada de auga e polo crecemento da vexetación. Segundo se reflicte na memoria técnica, os traballos neste punto permitirán asegurar unha das pezas estruturais máis importantes da fortaleza.
O proxecto inclúe, ademais, melloras nos accesos e sendas interiores, así como un seguimento arqueolóxico continuado durante a execución das obras, que se estima nun prazo aproximado de cinco meses.
O orzamento total desta nova fase, que sería a cuarta, está cuantificado en 190.000,56€. Un importe que o Concello agarda cubrir ata nun 80% coas axudas da Deputación da Coruña dirixidas á protección do patrimonio histórico-artístico en municipios da provincia menos de 50.000 habitantes.
Ampliación do usufruto
Un dos requisitos da convocatoria provincial é que os bens deben ter carácter público e titularidade municipal, que no caso dun dereito de posesión -como é o caso de San Sadurniño como usufrutuario do castelo- debe ser de polo menos dez anos. Por esta razón, o alcalde e o representante da Fundación Casa de Alba asinaron esta mañá perante o notario de San Sadurniño, José María Bódalo Lorente, o documento que amplía noutros quince anos os dereitos municipais sobre o inmoble histórico.
“Faltaban aínda uns anos para que vencese o anterior acordo, asinado en 2005, pero foi necesario asinar un novo para asegurar a súa vixencia dentro dos períodos que nos esixe a Deputación para financiar as obras”, explica Secundino García Casal. “Foi un simple trámite no que contamos desde o primeiro momento coa boa disposición da fundación como propietaria do castelo”, engade o rexedor.
O alcalde destaca, porén, “a importancia” das actuación previstas na fortaleza que, segundo dixo, “é un ben dun grande valor arquitectónico e histórico, ademais dun dos nosos principais atractivos turísticos e un dos elementos fundamentais do Xeoparque do Cabo Ortegal polo feito de encontrarse nunha paisaxe granítica moi singular e por ser porta sur de entrada ao territorio certificado pola UNESCO”.
Secundino García Casal detallou que o proxecto presentado á Deputación da Coruña “é unha continuación dos traballos de posta en valor que se viñeron executando até 2020. Agora pretendemos deixar á vista o perímetro da Torre da Homenaxe retirando e estudando os entullos que alí hai, pero tamén continuar ampliando sendeiros aproveitando o que deberon ser noutro tempo corredores e comunicacións interiores do castelo. Ademais tamén é urxente consolidar os muros perimetrais inferiores que quedaron pendentes de anteriores actuacións”.
O rexedor local tamén agarda que a convocatoria da Deputación “sexa favorable” para o proxecto presentado polo Concello e que as intervencións contidas nel poidan licitarse “no prazo máis breve posible”.