“Polo Nadal, consumo local” continúa entregando papeletas para os lotes de produto galego que se sortearán o día 12

0

A campaña de dinamización do comercio e os servizos promovida polo Concello durante estas festas encara a súa recta final. Quedan pouco máis de oito días para cubrir as papeletas que dán dereito a entrar no sorteo de lotes de produtos alimentarios da máxima calidade e, ademais, elaborados en Galicia. Unha trintena de establecementos e servizos locais participan na iniciativa que remata o próximo 7 de xaneiro. Conseguir rifas é ben doado. Abonda con facer compra en calquera dos negocios adheridos, independentemente do gasto que fagamos, aínda que canto máis apostemos polo noso, máis oportunidades de ganar, ademais de estar contribuíndo ao sostemento do comercio de proximidade. 

A mecánica segue sendo a mesma que nos anos anteriores, con papeletas  de distintas cores dependendo do importe da compra. Así entre os boletos que nos entreguen por gasto de ata 10 euros, de cor amarela, sortearanse sete cestas valoradas en 70€ cada unha. As rifas por compras superiores a 10 euros, azuis, entrarán no sorteo doutras tres cestas cun valor unitario de 140€.

Para optar aos premios será necesario que cubramos a papeleta co noso nome e un teléfono de contacto, ademais de introducila na urna que atoparemos no local participante. Non hai límite de rifas: cantas máis compras fagamos, máis opcións de levar os premios que se sortearán en público no salón de plenos o luns 12 de xaneiro ás 12:00h. A área de Desenvolvemento local contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas para concertar a entrega dos lotes, nun acto que terá lugar tamén no Concello previsiblemente o venres desa mesma semana.

“Polo Nadal, consumo local” é unha iniciativa de promoción do comercio e os servizos locais impulsada en 2020 por varios negocios do municipio -con apoio do Concello- como maneira de contribuír á recuperación económica tralos momentos máis duros da pandemia.

A idea tivo tan boa acollida que o Concello decidiu continuala nos anos seguintes. Nesta edición, a sexta,  participan cerca de 30 establecementos de todo San Sadurniño entre bares, restaurantes, supermercados, tendas de todo tipo e negocios centrados en servizos.

Son os seguintes: Agrotenda Pena Fontao, Bar Castrillón, Bar Eladio, Bar Ferreira, Bar O Campo, Bar Santos, Café Bar Atrium, Cafetería Dzine, Clínica Fisioterapia Penamoura, Cooperativa de Meirás en Naraío, Cooperativa de Meirás en San Sadurniño, Ferretería Lamas, Fisio-Che Ben, Fisioterapia Sansastur, Floristería La Feria, Galletas Maruxas, Libraría Brétema, Maskotas, Mesón A Granxa, Mesón Os Cazadores, Panadería Inxerto, Parrillada Mariaqueira, Peluquería Juan, Peluquería Lucía, Peluquería Santos, Queixería O Casal, Bar-ultramarinos Calvo, Supermercado O Outeiro, Triscos e Fíos.

Share.