Paisaxe

Paseo fluvial
Paseo fluvial
Paseo fluvial ao seu paso polo Pozo dos Donceis
« 2 de 22 »

O territorio de San Sadurniño é un espazo de transición entre as superficies de erosión do interior de Galicia e a costa norte e cunha paisaxe tipicamente atlántica. Por este motivo dominan os montes de cumes aplanados e pequenas mesetas elevadas, como en Bardaos ou no Forgoselo, que son restos da superficie de erosión fundamental de Galicia, creada no Secundario. Por outra banda temos os vales fluviais. Ao ascender o macizo galaico durante o Terciario, os ríos precedentes encaixaron a súa canle, formando vales fondos que tamén aproveitaron as zonas de falla. O exemplo máis claro é o Río Castro, cun longo canón inserido nun contorno litolóxico de rochas duras, como os granitoides. Por outra banda,  o val do Xubia é máis amplo ao discorrer por materiais máis erosionables. Así apréciase ao final do val, preto do casco urbano de San Sadurniño, unha chaira aluvial importante.

Tanto o Río Castro como o Xubia seguen o trazado SL-NO conformando un territorio dividido en 3 áreas: ao norte as chairas ou mesetas de Bardaos e Monte, que verten no río das Forcadas, e onde se pasan os 300 m de altitude. O punto máis alto é o Coto Agudo, de 350 m. No sector central atopamos os vales do Xubia e do Castro, definidos por antigas fallas hercínicas, e onde están as zonas de menor altitude (30 m) e fondos de val repletos de depósitos sedimentarios. Aínda así, entrambos vales existe un pequeno cordal de outeiros nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío, entre os que sobresaen o Pico de Ferreira (355 m) e a pena do Rei Mouro (400 m) ou a pena do Cabalo (508). Por último,o terzo de San Sadurniño máis ao sur está dominado polo macizo do Forgoselo, onde se sitúan as altitudes máximas do concello: o alto de Racamonde con 542 m, e a cercana pena do Escoitadoiro, situada a 518 m. de altitude.

Para entender a paisaxe natural de San Sadurniño cómpre fixarse tamén no clima. Defínese como un clima oceánico húmido con precipitacións medias de 1.500 litros ao ano e unha temperatura media anual de 13ºC, saída dos 9º de promedio en xaneiro e do 18º no mes de agosto. Estes datos explican a realidade dun territorio definido polo profesor Rafael Mata como unha combinación de vales e montes litorais con montes galegos. No primeiro caso -na zona de depresión de San Sadurniño- abundan o eucalipto e a toxeira, mentres que no segundo -nas zonas do Forgoselo, Igrexafeita, Bardaos ou Santa Mariña- a vexetación caracterízase polos restos de carballeiras e bosque atlántico aínda que co predominio do eucalipto e os piñeiros como froito das repoboacións masivas tralo abandono das terras agrarias a partir da segunda metade do século XX.

Entre as especies autóctonas atópanse os carballos, o pradairo, os castiñeiros, o bidueiro, as cerdeiras, ademais dos loureiros, os acivros e un rico estrato herbáceo de fieitos. Porén, o bosque natural que persiste é o de ribeira. Os cauces están inzados de salgueiros, amieiros, lamigueiros, bidueiros e freixos. Unha riqueza vexetal que acubilla unha fauna variada que alcanza a súa máxima expresión na zona protexida do LIC Xubia-Castro.

ZEC Xubia-Castro
A Zona de Especial Conservación (antes chamada LIC) Xubia-Castro é un espazo natural incluído desde o ano 2011 na Rede Natura 2000. Ten unha superficie total de 2.074 hectáreas que tocan os concellos de Narón, Neda, Moeche, As Somozas, A Capela e As Pontes, aínda que máis da metade da superficie (1.214 Ha.) son parte de San Sadurniño e supoñen o 12,16% do territorio municipal. A importancia deste LIC vén determinada polos doce tipos de hábitats descritos na zona, nos que entran bosques atlánticos, brañas, turbeiras, uceiras, lagos eutróficos e estanques temporais mediterráneos. A fauna de mamíferos aínda é a gran descoñecida deste espazo natural, malia que cabe sinalar a presenza regular de lontra (Lutra lutra), diversos quirópteros (como os morcegos de ferradura Rhinolophus ferrum-equinum e Rhinolophus hipposideros) e lebre ibérica (Lepus granatensis), e a abundancia de corzo (Capreolus capreolus), e xabaril (Sus scrofa). Ademais, no Forgoselo mantense unha importante cabana de cabalos e vacas que viven en semi-liberdade. Este tipo de gando atrae de forma periódica a lobos.

Tamén é posible atopar diversas aves. Entre as aves rapaces diúrnas están citadas o miñato abelleiro (Pernis apivorus), o azor (Accipiter gentilis), o gabián (Accipiter nisus), a gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), o lagarteiro (Falco tinnunculus), o falcón pequeno (Falco subbuteo), e o falcón peregrino (Falco peregrinus). O merlo rieiro (Cinclus cinclus), a lavandeira real (Motacilla cinerea), e o picapeixe (Alcedo atthis), constitúen a avifauna máis característica dos leitos fluviais. As áreas de matogueira atlántica e campiña albergan unha gran variedade de aves terrestres, entre as que cabe sinalar a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a cotovía pequena (Lullula arborea), a pica das árbores (Anthus trivialis), a papuxa do mato (Sylvia undata), o picanzo vermello (Lanius collurio), e o escribente amarelo (Emberiza citrinella), como reprodutores, mentres que nos bosques e arboredos riparios están presentes os ferreiriños ou páridos (Parus spp.), e estreliñas listadas (Regulus ignicapillus), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), e o ouriolo (Oriolus oriolus), entre outras moitas especies.

Téñense identificadas oito especies de anfibios e  réptiles, entre os que aparecen varios endemismos ibéricos noroccidentais convivindo con elementos de filiación eurosiberiana. Destacan entre eles a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), endémica de Galicia, Asturias e norte de Portugal, e a lagarta da serra (Iberolacerta monticola), especie montana que alcanza a área costeira no extremo noroccidental da Comunidade Autónoma. O limpafontes ou tritón ibérico (Lissotriton boscai), a ra patilonga (Rana iberica), e a ra vermella cántabro-galaica (Rana temporaria subsp. parvipalmata), entre os anfibios, e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), entre os réptiles, son moi característicos da zona.

Entre os invertebrados protexidos en Europa e incluídos no anexo II da Directiva hábitats cóntanse a vacaloura (Lucanus cervus), e o caracol (Elona quimperiana). Namentres, na fauna acuática atopamos o endemismo noroccidental ibérico Chondrostoma duriense, o reo (Salmo trutta trutta), e a anguía (Anguilla anguilla), ademais da troita común (Salmo trutta fario).

Dentro do ZEC  existen 2 coutos de pesca sen morte. O primeiro está no río Xubia, ao seu paso pola parroquia de San Sadurniño, e o segundo está no río Castro, entre a ponte da Ferrería e o lugar da Coveluda, na parroquia de Naraío. Ademais, a Xunta de Galicia tamén ten localizados dous humidais en San Sadurniño. Por unha banda están as turbeiras e brañas do Forgoselo, nos cumios aplanados da serra onde a escasa pendente facilita a acumulación de auga. Estas brañas ocupan unha superficie de 930 ha. Por outro lado temos a lagoa artificial formada na antiga canteira do Capelo, no monte Chao, na parroquia de Igrexafeita. Neste caso a súa superficie é de 1,68 ha.

Recursos turísticos
Xunto coa riqueza patrimonial, a beleza da contorna ofrece unha chea de posibilidades para gozar do aire libre. Hai dúas rutas de sendeirismo deseñadas polo Concello, a dos Muíños do Aceiteiro  e a do Río Castro, pero tamén tocan o territorio o Camiño a Santo André de Teixido e a Ruta dos Castelos e Mosteiros do Eume-Xubia, que coincide en parte do seu percorrido coa do Castro.

O Concello mantén, ademais, áreas recreativas e miradoiros nas parroquias de Naraío, Igrexafeita, Ferreira, Lamas, Bardaos e Santa Mariña, ademais das grandes zonas de lecer que supoñen o paseo fluvial do Xubia, o contorno do arboreto de especies autóctonas da Cortiña e os propios xardíns municipais, situados na parte traseira do antigo pazo da Marquesa.

Todos estes elementos están recollidos nas numerosas publicacións en pdf que tes no apartado de descargas e, sobre todo, no mapa de recursos turísticos e na guía turística do concello que se poden descargar no lateral desta mesma páxina.