O Xeoparque presenta a guía do territorio, que ofrece experiencias inmersivas en 360º

0

O castelo de Moeche acolleu este martes a presentación da nova Guía da Paisaxe e do mapa interactivo do Xeoparque Cabo Ortegal, dous novos recursos que nos permitirán a nós e a quen nos visiten descubrir o territorio UNESCO dun xeito distinto. San Sadurniño, como parte do xeoparque, está presente na guía e no mapa por medio da descrición detallada dos seus recursos naturais, patrimoniais e culturais. É máis, en escenarios tan emblemáticos do noso concello como son o Pazo e os xardíns da Marquesa ou o castelo de Naraío podemos facer un pequeno percorrido virtual a través de fotografías en 360º, que veñen complementar as dispoñibles desde hai algún tempo en Google Maps.

A guía proponnos un total de nove rutas turísticas autoguiadas que percorren os principais atractivos do Xeoparque Cabo Ortegal. Os itinerarios, con duracións entre un a tres días, inclúen geosites (os lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional), miradoiros, praias, castelos e núcleos mariñeiros, e permiten visitar cada concello por separado ou combinando varios. Todo o contido está dispoñible en galego, castelán e inglés, facilitando a consulta tanto antes como durante a viaxe.

Os materiais estruturánse en catro grandes bloques: unha introdución aos valores naturais e culturais do Xeoparque; a catalogación do seu patrimonio natural; a súa riqueza cultural; e, finalmente, a presentación das nove rutas propostas.

Na parte dixital, que xa ten visibles moitos dos seus contidos, un mapa interactivo permitirá consultar o trazado de cada percorrido e visualizar imaxes recentes seleccionadas para resaltar a diversidade paisaxística, incluíndo as experiencias inmersivas en 360º que dan acceso a lugares singulares como os de San Sadurniño, onde se poden ver os xardíns municipais, o Pazo da Marquesa e o castelo de Naraío.

Estes recursos súmanse ao Catálogo de experiencias turísticas dispoñible e veranse ampliados nos próximos meses cun receitario baseado en produtos representativos dos concellos do territorio.

Estas novas ferramentas de difusión e coñecemento do xeoparque encádranse no desenvolvemento do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña con financiamento dos Fondos NextGenerationEu.

GUÍA DA PAISAXE (GAL)
GUÍA DEL PAISAJE (CAST)
LANDSCAPE GUIDE (ENG)

Share.