O Xeoparque Cabo Ortegal lanzou hai uns días a convocatoria dun curso gratuíto de Guía-Intérprete dirixido a profesionais, empresas, persoas desempregadas ou estudantado, que en todos os casos garde algún tipo de relación co sector turístico e ao territorio. A formación, de 120 horas e con dúas edicións previstas -unha de mañá e outra de tarde-, combina teoría, prácticas de campo e un proxecto final, co obxectivo de capacitar novos guías para a interpretación do patrimonio natural e cultural da zona. O curso está limitado a 20 prazas por edición e a selección das persoas participantes terá en conta criterios como a vinculación co territorio, a experiencia profesional, a formación específica e o coñecemento de idiomas. A convocatoria está aberta a persoal de empresas turísticas, estudantes, guías en situación de desemprego e, en xeral, a residentes de calquera dos sete concellos do Xeoparque: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
A programación inclúe catro módulos teóricos: fundamentos de xeoturismo e ecoturismo; patrimonio xeolóxico e cultural do Xeoparque; técnicas de interpretación e habilidades de guiado; e emprendemento e comercialización en turismo. Ademais, haberá 30 horas de prácticas de campo en lugares destacados como os cantís da Capelada, San Andrés de Teixido ou a lagoa de Valdoviño.
Outro dos eixos fundamentais será o proxecto final, no que cada persoa participante deberá deseñar unha proposta propia de itinerario, visita ou experiencia de interpretación, que despois terá que defender ante o equipo docente. O programa complétase con titorías individualizadas que servirán de apoio ao traballo persoal.
O curso desenvolverase en dúas edicións paralelas. A primeira celebrarase en horario de mañá, con inicio o 6 de outubro e prácticas de campo en sábados ata o 22 de novembro, mentres que a segunda terá lugar en horario de tarde, tamén dende o 6 de outubro, reservando as prácticas para os domingos ata o 22 de novembro. En ambos casos, as sesións en liña e presenciais completaranse coas titorías individuais e coa entrega do proxecto final o 30 de novembro, para pechar o programa coa clausura prevista o 3 de decembro.
A formación busca non só transmitir coñecementos científicos e patrimoniais, senón tamén fomentar a capacidade de crear produtos turísticos sostibles e de calidade. De feito, a iniciativa está encadrada no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino do Xeoparque, xestionado pola Deputación da Coruña e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU. Neste sentido, a participación será totalmente gratuíta para o alumnado, que unicamente deberán asumir os gastos de desprazamento ás prácticas.
O curso contará cun equipo docente de primeiro nivel con ampla traxectoria en xeoloxía, interpretación do patrimonio e turismo sostible, coordinado pola especialista en turismo científico Maite Vence Fernández. Nos diferentes módulos e visitas de campo participarán os xeólogos Rubén Díez Fernández, Juan Ramón Vidal Romaní e Ricardo Arenas Martín, ademais do experto en ecoturismo Alfonso Polvorinos Ovejero.
Para a docencia e a elaboración dos materiais formativos tamén se contou cos coñecementos de Carlos Sáinz Concha -responsable de Ecoturismo Bahía de Santander-, Leire Barriuso Astigarraga -xerente de Geogarapen, a asociación xestora do Xeoparque da Costa Vasca-, da historiadora e investigadora ortegana Vanesa Trevín Pita, e das especialistas en xeoloxía e mineraloxía (ademais de integrantes do Comité Científico do Xeoparque do Cabo Ortegal) Sonia Sánchez Martínez, Irene Novo Fernández e Ignacio Gil Ibarguchi.
Esta acción formativa ten un límite de 20 prazas na quenda de mañá e outras 20 na quenda de tarde. Para acceder a elas aplicarase un proceso de selección baseado nun baremo obxectivo que terá en conta a vinculación co territorio do Xeoparque, a experiencia profesional ou empresarial no sector, a formación e o dominio de idiomas, así como a motivación expresada na solicitude.
Os colectivos prioritarios serán o persoal de empresas turísticas da zona, guías en situación de desemprego e profesionais de centros de interpretación, aínda que, en principio, no curso tamén poderá participar calquera persoa que viva nalgún dos sete concellos do xeoparque e que teña interese en aprender máis sobre o territorio para poder divulgalo despois entre quen nos visiten, xa que a implicación da poboación local na difusión do coñecemento e na dinamización turística é un dos aspectos fundamentais dos xeoparques.
As bases completas desta convocatoria e o formulario de inscrición están dispoñibles nesta ligazón. O curso só se celebrará se hai un mínimo de 11 solicitudes válidas por edición, e a asistencia e participación serán condición indispensable para a obtención do certificado oficial de 120 horas.