O calendario do vólei praia galego engade este verán unha nova cita destacada coa celebración da primeira edición do Rei da Granxa Volei Fest (e tamén Raíña), unha competición que chega con forza e ilusión, converténdose nunha das grandes novidades da tempada. O venres 25 de xullo pola tarde celebrarase un evento de apertura das canchas, situadas ao pé do Mesón A Granxa, cun torneo amador 3×3 aberto a todas aquelas persoas que desexen gozar do volei praia nun ambiente máis distendido e festivo. O evento federado terá lugar os días 26 e 27 e reunirá ás mellores parellas galegas, tanto na categoría masculina como na feminina, que competirán baixo o sistema de dobre eliminación con fase previa.
Os encontros 3×3 están organizados como un torneo de 24 horas sen parar, igual que os maratóns de fútbol sala que tanto se prodigaron na comarca nos anos 80 e 90 do século pasado. Os enfrontamentos comezarán o venres 25 ás 16:00h e rematarán aproximadamente á mesma hora do sábado 26.
Os equipos han de ter entre tres e catro compoñentes e poderán facer cambios ilimitados sen superar nunca as tres persoas en pista. No torneo poderán participar maiores de 14 anos e aos equipos -recoméndase que sexan mixtos- irán dándoselles entrada na cancha segundo a orde de inscrición, que ten un prezo de 10€ por persoa (15€ coa cea). Hai que anotarse a través deste formulario.
O torneo “pro” comezará o sábado 26 coa fase previa a partir das 16:00 horas (hora orientativa) e culminará o domingo 27 co cadro final desde as 09:00 horas. A participación está reservada exclusivamente a xogadores e xogadoras federadas, e a orde de entrada na competición será determinada polo Ranking Nacional de Volei Praia e pola orde de inscrición. Para apuntarse -15€ por persoa- hai que utilizar estoutro formulario. O prazo remata ás 14:00h do día 22 de xullo.
A organización entregará trofeos ás tres primeiras parellas clasificadas de cada categoría. Tamén haberá un premio económico saído da recadación das inscricións que, polo tanto, será proporcional ao número de participantes.
A organización, que corre por conta do CV Aldebarán e da Federación Galega de Volei coa colaboración do Concello de San Sadurniño e do Mesón A Granxa -ademais doutras empresas locais-, ofrecerá espazo para acampar, duchas e vestiarios, música ao vivo, sorteos e seguimento informativo nas redes sociais con vídeo e fotos. Pódese ampliar información chamando ao 619 467 360 .