O norte reivindica mellores servizos de mobilidade en tren e autobús

0

A casa consistorial de Moeche acolleu na tarde de onte unha xuntanza entre case todos os concellos da faixa norte da provincia para avaliar a situación do transporte público ferroviario e por estrada. Na reunión participaron os alcaldes de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Cerdido, Cedeira, Cariño e Ortigueira xunto coa alcaldesa de Moeche. Os concellos de Mañón e Valdoviño escusáronse por non poder asistir e As Somozas rexeitou sentar arredor dunha mesa que foi, en esencia, unha primeira toma de contacto entre os municipios de cara a reivindicar melloras na mobilidade da zona. Nos próximos días cada un deles fará un exame exhaustivo da súa situación particular e o mércores 9 volverán sentar para pór en común necesidades concretas que se plasmarán nun documento co obxectivo de ter unha radiografía completa da situación e, a partir dela, tomar medidas.

Segundo informou ao remate da xuntanza a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, as demandas irán dirixidas dunha banda a mellorar a calidade do servizo que prestan Renfe-FEVE e ADIF e, por outra, as concesionarias do transporte público por estrada. Á espera de que se concrete o resume das eivas detectadas en cada concello, a rexedora explicou cales son os principais problemas. No caso do transporte ferroviario Bascoy asegurou que “non hai unha adecuación dos horarios do tren cos horarios laborais e do estudantado e, ademais, o mal estado do material fai que os percorridos duren moitísimo cando poden reducirse case ao 50%”. Sobre esta cuestión Beatriz Bascoy afirma que, se ben Renfe-FEVE asegurou que se ían manter os servizos, a realidade é que “non se están prestando en boas condicións, o que leva á cidadanía a deixar de utilizalos”.

Esta situación veríase agravada, segundo a representación dos municipios pola “falta de publicidade do servizo de tren e do servizo de transporte por estrada” que impedirían un mellor coñecemento das liñas e das frecuencias por parte da cidadanía. Unha circunstancia á que se une, no caso dos buses, a paulatina redución dos traxectos nos últimos anos. Bascoy puxo como exemplo “a rebaixa” na liña Ferrol-Viveiro, “que pasou de catro servizos diarios a só dous. Algo que repercute negativamente na cidadanía, sobre todo na xente maior.”

Os municipios participantes na xuntanza de Moeche marcaron o prazo dunha semana para volver sentar arredor da mesa achegando a súa casuística. Para daquela tamén se agarda contar cos municipios ausentes -Mañón e Valdoviño- e ampliando a convocatoria aos do Vicedo e Viveiro. Cos problemas e propostas recollidas elaborarase un único documento de resume que, segundo dixo Secundino García “servirá de folla de ruta para as distintas medidas que cumpra tomar”. A este respecto a alcaldesa de Moeche expresou o interese municipal en facer partícipe do proceso ao tecido asociativo.

Vía de Alta Capacidade
A reunión serviu tamén para falar da VAC da Costa Norte que unirá no futuro Ferrol e San Cibrao. Unha vía que acumula varios anos de retraso e da que só entrou en servizo a variante de Ortigueira mentres que está en fase de construción o tramo Celeiro-San Cibrao. Porén, os outros cinco tramos que compoñen este eixo viario de 90 km. só están no papel.

Tralo encontro mantido en outubro coa conselleira de Infraestruturas, os concellos afectados -entre eles San Sadurniño- por unha nova reunión na que agardan recibir información sobre os prazos. “Estamos á espera de que a Consellería nos convoque e de momento non vemos ningún movemento”, asegurou Beatriz Bascoy.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0365_gl.html#/-1/

Share.