O macramé protagoniza este sábado en Santa Mariña unha nova sesión de “Tempos para Compartir”

0

O local social de Santa Mariña do Monte é o lugar elixido para a próxima edición do programa Tempos para Compartir, que se desenvolverá este sábado 22 de novembro a partir das 17:00h. O Tempos… é unha proposta da área de Igualdade do Concello de San Sadurniño pensada para aprender e fortalecer os lazos veciñais a través de actividades moi diversas, organizadas sempre en tarde de sábado, durante non máis de dúas horas e cun formato de obradoiro. Nesta ocasión mergullarémonos no mundo do macramé da man de Manuela Rodríguez Mauriz, veciña da Golpilleira con máis de dúas décadas de experiencia nesta técnica artesanal. A sesión está dirixida a persoas de todas as idades interesadas en iniciarse nesta arte, que poderán levar para a casa unha pequena creación feita por elas mesmas. As prazas son limitadas e cómpre inscribirse antes do venres ás 14:00h chamando ao 695 876 178 ou escribíndolle un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. Esas vías de contacto tamén serven para propoñer temas e ofrecerse para impartir novos obradoiros.

O macramé é unha técnica milenaria baseada en crear trenzados e debuxos mediante nós, sen necesidade de agullas nin maquinaria. A súa versatilidade permítenos elaborar desde pequenas pezas decorativas ata complementos de moda e elementos útiles para o fogar.

Durante o obradoiro deste sábado, Manuela ensinaranos os pasos básicos para realizar chaveiros e pulseiras, proxectos sinxelos que se poden completar nun par de horas e que ofrecen un fantástico punto de partida para seguir practicando despois na casa. A artesá aprendeu cando as veciñas se xuntaban para facer manualidades, hai máis de vinte anos, e desde aquela foi perfeccionando a súa técnica, coa que fai todo tipo de labores, como mochilas, bolsos e pezas decorativas.

O programa Tempos para compartir naceu como unha proposta a cabalo entre o lecer e o intercambio de saberes útiles para a vida diaria como escusa para a xuntanza e coñecemento veciñal. As sesións prográmanse na tarde dun sábado cada mes e, se é posible, cada vez nunha parroquia distinta. O seu contido é máis práctico que teórico e seméllanse a calquera videotutorial que poidamos atopar na rede, só que ao vivo e con posibilidade de solventar dúbidas sobre a marcha.

Ten habido Tempos… de materias moi diversas -home staging, manexo de cámaras deportivas, elaboración de pan, de galletas, de doces, de xabóns, etc.- pero foron e son os relacionados coas manualidades e a cociña os que máis interese adoitan espertar, quizais porque son tamén os que mellor se adaptan a pequenos espazos e a unha duración que anda sempre sobre as dúas horas ou dúas horas e media.

Así a todo, nin as manualidades nin a cociña son temas exclusivos, senón que poden propoñerse todo tipo de contidos que se poidan explicar nese tempo e que non requiran materiais demasiado caros. Quen teña algún saber que queira compartir pode chamar ao Concello e organizar o seu propio Tempos… de cara a próximas citas.

As persoas interesadas en asistir ao obradoiro de macramé ou en propor novos temas deben chamar ao 695 876 178 ou enviar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.

Share.