A Xunta de Goberno Local acaba de resolver a concesión das subvencións dirixidas a actividades culturais e conservación de instalacións por parte das asociacións veciñais e outros colectivos do municipio. Unha liña de achegas das que se beneficiarán as cinco entidades solicitantes -o Concello admitiu todas as peticións-, entre as que se distribuíron, con distintas contías, un total de 11.238,26€. Estas axudas súmanse á convocatoria de achegas para clubs deportivos, xa notificadas hai unhas semanas, que supuxeron un importe total de 13.000 euros. Neste caso as beneficiarias serán a UDC Narahío, o CF San Sadurniño e o Club fútbol-sala Santa Mariña do Monte. Tanto os colectivos relacionados co deporte como o veciñais e culturais teñen de prazo ata o 30 de novembro para presentar a documentación xustificativa das subvencións recibidas.
Malia que aínda hai máis dun mes de prazo para presentar as xustificacións, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun máximo de 50 días máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.
A xustificación, en calquera caso, debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.
Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria. Cómpre ter moi presente que, legalmente, o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.
Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais funxibles necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.
Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai ao pé desta información.
Para a convocatoria en concorrencia competitiva de actividades no eido da Cultura botaron solicitude cinco asociacións veciñais e culturais, todas elas admitidas. Nesta liña había consignados 11.000 euros dos cales se distribuíron finalmente 10.238,26, segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 4.000 euros de axuda.
Ademais, ás entidades con local en propiedade ou alugado teñen dereito a 1.000 euros fixos máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura. Este ano só a percibirá a asociación Adiante de Igrexafeita, dado que O Castelo de Narahío -a outra con local propio- non concorreu ás subvencións xerais por ter asinado convenio nominativo para o Festival do Río Castro.
Para a convocatoria de Deportes recibíronse tres solicitudes, todas elas admitidas, entre as que se distribuirán 13.000 euros, primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.
|
AXUDAS PARA ACTIVIDADE CULTURAL |
|||
| Entidade | Actividade | Infraestrutura | Total |
| AVV Xuntanza de Lamas | 1.716,67 € | 1.716,67 € | |
| ACRD Santa Mariña do Monte | 1.558,29 € | 1.558,29 € | |
| Asociación Cultural Brío | 4.000,00 € (*) | 4.000,00 € | |
| AVV Adiante de Igrexafeita | 1.430,56 € | 1.000,00€ (**) | 2.430,56 € |
| Asociación Concienciarte | 1.532,74 € | 1.532,74 € | |
| Total actividade cultural: | 11.238,26 € | ||
| (*) Contía máxima para actividade
(**) Só para entidades con local en propiedade ou en aluguer |
|||
|
AXUDAS PARA ACTIVIDADE DEPORTIVA |
|||
| UDC Narahío | 8.496,83 € | ||
| Club FS Santa Mariña do Monte | 500,00 € | ||
| C.F. San Sadurniño | 4.003,07 € | ||
| Total actividade deportiva: | 12.999,99 € | ||
Case 73.000 euros dedicados a apoiar o tecido social
O Concello dedica neste 2025 un total de 24.238,25 euros ás axudas en concorrencia competitiva para Cultura e Deportes. Porén, estas non son as únicas achegas coas que se apoia o tecido social que traballa no municipio, posto que a subvencións nominativas para actuacións concretas destínanse outros 48.500 euros, o que eleva a cifra total deste apartado a un total de 72.738,25 euros.
As beneficiarias de convenios son a Casa do Mel e a AGFA do Eume polo labor desenvolvido na zona da Cortiña e nas actividades relacionadas co sector primario; o Aldebarán e a EF Irmandiños para o sostemento das escolas de volei e fútbol, respectivamente; e a AVV O Castelo de Narahío, pola organización do Festival do Río Castro.
Anexo xustificación axudas Cultura
Anexo xustificación axudas local en propiedade
Anexo xustificación axudas Deporte