O Concello destina máis de 19.000 euros a asegurar a pista da Fervenza, afectada por un desprendemento o inverno pasado

0

O Concello acaba de iniciar os traballos de afirmado e consolidación da pista que comunica a Pena da Meda co Cando, que se viu afectada o inverno pasado por un corremento de terras á altura da Fervenza. Nas obras investiranse algo máis de 19.000 euros, co obxectivo de recuperar a seguridade desta estrada de Igrexafeita pola que se sirve habitualmente a veciñanza dos lugares do Cando, do Castro e outros puntos da marxe norte do Forgoselo. Mentres duren os traballos -que rematarán nuns días- recoméndase utilizar como vías alternativas a de Solposto ou a da Pena de Eiriz. 

O problema  produciuse o inverno pasado tras o desprendemento dunha bolsa de auga no subsolo, que provocou o afundimento parcial do terreo e deixou suspendidos varios metros da marxe dereita da pista. Esta situación obrigou a limitar a circulación para evitar danos maiores no firme e, en todo caso,  para garantir a seguridade das persoas usuarias.

Os traballos consisten na execución dun reforzo de grandes dimensións —uns 100 m³ — feito con bloques de pedra que lle dean estabilidade ao ribazo e que ao mesmo tempo fagan de alicerce para a pista. Con ese obxectivo, o proxecto tamén contempla o formigonado da base, así como o estendido de grava e saburra sobre o que se botará unha nova capa de aglomerado co fin de restituír o trazado e garantir unha circulación segura en toda a súa anchura.

Segundo a oferta da empresa encargada da obra, ARMACON, o investimento total será de 19.230 euros, impostos incluídos, custeados integramente con fondos municipais.

Os traballos prolongaranse varios días, durante os que se manterán as restricións ao tráfico. No tempo que duren as obras, o Concello recomenda utilizar como pistas alternativas a de Solposto ou a da Pena de Eiriz.

Share.