O Concello ampliará ata mediados de 2026 os obradoiros contra a soidade non desexada

0
A Casa da Cultura e o claustro conventual do Rosario acolleron este xoves a clausura comarcal do proxecto “Aloumiños”, que se desenvolveu en San Sadurniño e noutros municipios da volta co obxectivo de promover as relacións sociais entre as persoas maiores e combater a soidade non desexada. Na despedida reuníronse a maioría de participantes, que primeiro gozaron dun monólogo de Carme Conde e logo merendaron entre contos e parolas. O encontro deixou patente a necesidade de continuar traballando neste ámbito, algo que o Concello vai facer xa a partir de xaneiro con axuda de Espazo Vivo.

“Aloumiños” foi unha iniciativa do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia -coa colaboración do SERGAS e o apoio do Ministerio de Sanidade- dirixida a persoas, preferentemente maiores de 65 anos, que puidesen estar sentindo a falla de compañía, de vínculos sociais ou dunha rede de apoio, xa fose físico ou afectivo.

A proposta estreouse con grande éxito en 2024 e proseguiu durante este ano 2025 ofrecéndose en Neda, Moeche, As Somozas e San Sadurniño, complementando no caso do noso concello as actividades socioculturais e de mantemento físico que se lle ofertan ás persoas maiores.

Malia que o programa rematou, San Sadurniño vai seguir traballando pola súa conta a prol do envellecemento activo e o reforzo comunitario, continuando o camiño iniciado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Por iso, a área de Servizos Sociais xa concertou coa empresa especializada Espazo Vivo a realización de obradoiros desde xaneiro até xuño de 2026, que terán lugar nas parroquias nas que veu desénvolvéndose “Aloumiños” nos últimos meses: Lamas, Naraío e Santa Mariña.

As sesións serán todos os martes a partir do 12 de xaneiro: de 10:00 a 11:00h en Lamas, de 11:15 a 12:15h en Santa Mariña e de 17:00 a 18:00h en Naraío. As inscricións xa poden facerse chamando a Servizos Sociais: 981 490 027 ext. 1.
Share.