O Concello abre as preinscricións nas escolas culturais

0

Desde este luns 15 de setembro está aberto o prazo de preinscrición nas escolas culturais municipais, co obxectivo de saber cantos grupos se van formar de cara ao curso 2025/2026. A intención do Concello é volver ofertar ximnasia de mantemento para persoas maiores, gaita/percusión, pandeireta e baile tradicional, ademais da actividade de música moderna (que, en principio, ten o cupo cuberto coas persoas do ano pasado) e de música e movemento, dirixida neste último caso a rapazada de 3 a 6 anos. Para preinscribirse nas escolas abonda con chamar ao Concello -981 490 027- e unha vez nos confirmen que a actividade vai adiante deberemos formalizar a matrícula.

No caso da ximnasia de mantemento para persoas maiores prevese que volva haber dúas quendas, unha de 16 a 17:00h e outra de 17:15 a 18:15h, os luns primeiro en Naraío e despois en Lamas, os martes en Igrexafeita e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e San Sadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas.

En relación coas proportas para as persoas maiores -e non tan maiores-, este ano tamén volverá a San Sadurniño o proxecto “Aloumiños” contra a soidade non desexada, que terá lugar en Santa Mariña os martes de 10:00 a 11:00h, en Lamas tamén os martes de 11:15 a 12:15h e en Naraío os xoves de 17:00 a 18:00h.

As outras escolas culturais quedan igual que o ano pasado, con sesións dunha hora de duración: gaita os martes -ás 19:30h iniciación e ás 20:30h perfeccionamento-, pandeireta os mércores -18:30 iniciación e 19:30h perfeccionamento- e baile tradicional os xoves de 20:00 a 21:00h. As dúas primeiras terán lugar no local social de Naraío, mentres que baile seguirá sendo na Casa da Cultura.

Para que todas estas actividades vaian adiante fai falla xuntar grupos mínimos de 8 persoas. Por esa razón é tan importante a preinscrición, para a que abondará con chamar ao 981 490 027 ou pasar polo Concello. Unha vez que se confirme grupo será necesario formalizar a matrícula na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica. Cada disciplina irá empezando ao longo da primeira semana de outubro.

Música moderna e música e movemento
Este ano tamén se vai ofrecer a actividade de Música Moderna, que impartirán de novo Xoán Leis e o seu equipo. O cupo desta escola xa está cuberto na súa totalidade coas persoas participantes o ano pasado que mostraron o seu interese en continuar, que deberán formalizar igualmente a súa matrícula para garantir que se lles conserva a praza. Quen teña pensado empezar este curso pode anotarse  para entrar nunha lista de agarda por se houbese baixas.

Leis tamén vai ofrecer a actividade de Música e movemento para espertarlles o sentido musical e o ritmo ás nenas e nenos de 3 a 6 anos. As clases ofreceranse os mércores de 16:00 a 17:00h na Casa da Xuventude e terán un prezo de 25€ mensuais. O mes de outubro será gratuíto para que proben a ver se lles gusta ou non (seguro que si). Hai que reservar praza no 685 050 921.

Outras actividades
Por outro lado, desde Cultura lembran que os luns e mércores, a monitora Cora Pita seguirá ofertando Pilates -inscricións no 665 957 056- e que tamén está aberto o prazo para que as entidades soliciten instalacións deportivas e culturais para o próximo curso.

Por último, para apuntar a cativería nas escolas deportivas de voleibol e fútbol hai que contactar directamente co Aldebarán no 636 728 186 ou 696 085 847 e coa EF Irmandiños no 667 553 229.

Share.