O Chanfaina lab sopra as súas dez candeas

0

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu este sábado a gala das estreas das curtametraxes filmadas ao abeiro do Chanfaina lab o pasado mes de setembro. O encontro audiovisual  festexou a súa décima edición cunha auditorio cheo de veciñanza e realizadoras de dentro e de fóra da casa que compartiron tres intensos días de rodaxe para poder servir esta tarde auténticas delicias visuais. Ficción, documental, experimental, narrativas frescas, en definitiva, feitas con amor e por amor ao audiovisual, esencia mesma do Chanfaina. A festa do cine local serviu tamén para entregarlle o II Premio Bernardino de Lamas ao cineasta da natureza José Roberto Fernández López. Neste décimo aniversario chanfaineiro tamén houbo torta e “parabéns para ti, nesta data querida…etc, etc.”.  Carmen Suárez e Manolo González, promotores da iniciativa, visiblemente emocionados, sopraron as candeas entre o cariño de público e participantes. 

A gala estivo conducida con grande mestría e moito dinamismo pola actriz Isabel Blanco e o seu partenaire nesta ocasión, o tamén actor -e xa veciño noso- Kevin Lorenzo. Ambos luciron complicidade e moito humor na levanza dun evento que tivo parte institucional coa intervención do alcalde, Secundino García Casal, quen agradeceu a presenza do público e a implicación de todas as persoas participantes. “Como sabedes sempre o facemos a última fin de semana de febreiro, pero tivemos que retrasalo para non contraprogramar aos Goya”, comentou con humor antes de destacar o valor das pezas presentadas.

O rexedor subliñou que cada edición deixa “curtas que quedan para a historia e para deleitarnos con elas no futuro”, ao tempo que fixo un chamamento pola paz: “Podemos berrar alto un ‘non á guerra’. O cine demóstranos que hai moitas maneiras de vivir sen andar tirándolle bombas á xente”.

Un dos momentos centrais da gala foi a entrega do II Premio Bernardino de Lamas, un recoñecemento creado polo Concello para distinguir traxectorias vinculadas ao cinema non profesional. A concelleira de Cultura, Araceli Bellas, foi a encargada de ler o fallo do xurado, que destacou a “coherencia e independencia creativa” do realizador José Roberto Fernández López, así como o seu compromiso coa defensa do patrimonio natural galego a través do audiovisual.

Nado no Bierzo e residente desde hai máis de corenta anos en Valdoviño, Roberto Fernández exerceu como profesor de Bioloxía en Ferrol e leva décadas gravando a natureza galega cos seus propios medios. Na súa intervención agradeceu emocionado o recoñecemento: “Este premio fíxome moita ilusión. É a primeira vez que recibo un galardón sen ter participado nun concurso enviando unha obra, e por iso é unha gran honra”. O documentalista afeccionado tamén fixo un alegato pola conservación da natureza e explicou que filmar fauna require “habilidades especiais, preparación e moita experiencia”. “Capturar imaxes da natureza ten algo do instinto cazador que temos os seres humanos, coa indiscutible vantaxe de que o animal segue vivindo”, engadiu, antes de lembrar que no seu caso concentra practicamente todas as fases da produción audiovisual: “Agás a música, todo o fago eu”.

O premiado concluíu sinalando que o galardón lle dá forzas para seguir “capturando momentos únicos na natureza nestes escenarios tan marabillosos que temos en Galicia e tamén aquí en San Sadurniño”.

Tras a entrega do premio, o escenario foi recibindo aos distintos equipos participantes no encontro audiovisual, que presentaron brevemente as súas obras antes da proxección. A primeira parte da sesión incluíu Guión curta, de Bieito Beceiro; Consulta aberta, de Kevin Lorenzo; Rachar en dous, de Area Erina; Cando a historia cobra vida, de Milagros Bará; Gripe aviar, do colectivo Teño unha horta; Cóntame a túa historia, de Carlos Amil; A Gran Porta de Kiev, de Brandán Cerviño; O ourizo, de Abel Vega; Vacas nocturnas no Forgoselo, de Gala Rodríguez e Rocío Campoy; e Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla.

Despois dun breve descanso, a gala continuou coa segunda quenda de proxeccións, na que se puideron ver Só a través doutros, de Gon Caride; Un segundo, de Ángela Arnosa; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; A derradeira, do colectivo A Ringueira; A pena do trabuco, de Cruz Piñón; Saudade: unha metáfora/descrición da viudez, de Anxo Pena; Mariela, de The Sungirls; O refuxio, de Fran da Lobeira; Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido; e Racamonde, de NaraioMedia. Nesta décima edición destacou a presenza crecente da ficción, sen perder o peso das propostas experimentais e documentais, así como a aparición da intelixencia artificial en varias das montaxes.

A celebración do décimo aniversario tamén tivo un momento simbólico sobre o escenario. O público cantou os parabéns mentres se sopraban literalmente as dez velas colocadas nunha pequena torta. Os encargados de apagalas foron dous dos grandes impulsores e sostedores do encontro audiovisual desde os seus inicios: o profesor xubilado e académico do audiovisual Manolo González e a súa dona, Carmen Suárez, técnica da aula CeMIT de San Sadurniño.

O Chanfaina lab, nacido en 2014, conta co patrocinio da Deputación da Coruña.  Durante unha fin de semana reúne a creadoras e creadores de San Sadurniño e doutras procedencias para contaren historias visuais con total liberdade narrativa. Como premio: compartir tres días de traballo, case aventura, e volver encontrarse meses despois para ver o resultado e levar como agasallo unha Lola Chanfaineira -unha boneca feita con plana de maínzo-. “Haberá cousa máis bonita que un festival no que todas e todos ganan?”, preguntaba a actriz Isabel Blanco xusto antes das proxeccións. Certamente, non, non a hai.

Tras a estrea na Casa da Cultura, as curtametraxes iniciarán agora o seu percorrido por festivais e mostras audiovisuais de todo o mundo. Ademais, poderán verse tamén en liña, xa que a partir do 27 de marzo iranse publicando de dúas en dúas cada venres na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño, seguindo a mesma orde na que se proxectaron na gala.

Share.