O anuncio da convocatoria de Eleccións Municipais para o domingo 28 de maio marca o inicio dun calendario de prazos moi axustados que arrancou este mesmo luns coa exposición pública do censo electoral en todos os concellos de Galicia. Deste xeito, os e as votantes poderán consultar os seus datos de inscrición e, de ser o caso, presentar as correspondentes alegacións se hai algún que non sexa correcto. O censo estará exposto desde o 10 ata o 17 de abril, ambos días incluídos, e as consultas e reclamacións poden facerse nas oficinas municipais en horario de 8:30 a 14:30h. O trámite de consulta e alegacións tamén se pode facer con certificado dixital a través da web do INE.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, o censo de San Sadurniño era a día 1 de marzo de 2.427 persoas residentes. Todas esas persoas poderán votar o día 28 de maio na mesa que lles corresponda de entre as sete que haberá distribuídas polo territorio: a do CPI de San Sadurniño, a do local social de Santa Mariña, a do local da Bañoca (Bardaos), a de San Xiao de Lamas, a da Seara (Ferreira), a do local veciñal da Torre (Igrexafeita) e a situada no local do campo de fútbol de Naraío.
Porén, para votar hai que figurar no censo e é recomendable que os datos estean actualizados. Por iso, cada vez que hai eleccións, sempre se abre un período de sete días para poder comprobar a correcta inscrición no listado (que non haxa erros no nome, que o enderezo sexa o correcto, etc.). A consulta pode facerse, previa identificación da persoa interesada, nas oficinas municipais en horario de mañá. A información obtense tamén no consulado correspondente -para quen estea fóra- e na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral. Quen precise máis información ten á súa disposición o teléfono 981 217 439 ou o 900 343 232 (gratuíto).
Quen teña certificado dixital ou sinatura electrónica pode facer tanto a consulta como outros trámites a través da web do INE. Os máis destacados son os seguintes:
- Consulta dos datos de inscrición
- Presentación de reclamacións ao censo electoral
- Consulta da mesa e local electoral
- Cumprimentación da solicitude de voto por correo para presentar nunha oficina de Correos
- Consulta de voto por correo
- Solicitude de exclusión das copias do censo para non recibir propaganda electoral
- Solicitude do voto por correo con certificado electrónico (web de Correos)