Éxito das xornadas micolóxicas organizadas polo Concello

0
O Concello culminou este mediodía o segundo día das xornadas micolóxicas organizadas pola área de Desenvolvemento local para promover o coñecemento das distintas especies de setas que podemos atopar na nosa zona. Unhas xornadas con 21 persoas inscritas que estiveron dirixidas polo experto José Luis Cuba, grande coñecedor do mundo micolóxico e dos lugares onde se poden atopar os mellores exemplares. A proposta supliu con éxito o ciclo Apostando polo sector primario que se viña ofrecendo nos últimos anos por estas datas, sen renunciar ao cometido didáctico sobre un tipo de aproveitamento con grandes posibilidades económicas en fresco e como produto envasado en conserva. 
Na sesión de onte venres fíxose unha introdución ao mundo dos fungos e cogumelos explicando como se desenvolven estes organismos e mostrando imaxes das setas máis comúns que poden atoparse nos campos e montes da comarca, tanto comestibles como tóxicas.
Cuba, un autodidacta con 40 anos de experiencia que hoxe é unha das grandes autoridades galegas na materia, comentou tamén como deben extraerse as setas -coa punta da navalla, con coidado e volvendo tapar o oco, gardándoas sempre en cestos- e a normativa existente en Galicia sobre este tipo de aproveitamentos, que limita a 2 quilos diarios a cantidade que se pode recoller para autoconsumo.
Hoxe sábado tocou saída ao monte percorrendo parte do Forgoselo, que leva anos sendo couto micolóxico (é necesario mercar un pase no bar 3×4 das Neves -A Capela- para poder apañar setas). Alí puideron identificarse distintas especies e recoller aquelas con alto valor culinario, como é o caso dos níscalos e boletus.
O concelleiro de Desenvolvemento local Manolo Varela, destacou que os cogumelos silvestres e cultivados “son unha opción económica que agora se está vendendo maioritariamente en fresco, pero que tamén poden ofrecer un alto valor engadido desecadas ou como conservas envasadas. É algo que debemos explorar, sobre todo agora que temos unhas instalacións como as da Fusquenlla, en Moeche, nas que hai equipamento para probar elaboracións e producilas”.
Share.