Contando con hoxe, quédannos pouco máis de dous días para que remate o 2025. Cadaquén fará balance de como lle foi e por iso haberá quen o despida con pena polos bos recordos que quedan atrás, pero tamén haberá quen diga “vaite 2025!” con certo alivio, esconxurando as malas cousas da vida que tamén fican na lembranza. O caso é que, chegado o 31 de decembro, será a maioría quen brinde porque o 2026 veña o mellor que poida. E por iso este mércores haberá moitas e moitos que farán a rolda de tarde para erguer a súa copa -sempre con sentido e sen coller o coche se se bebe alcol- e quen despois de tomar as uvas na casa buscará algún lugar para pasar a noite de troula e seguir brindando por un novo ano avegoso. Se esa é a idea que tedes pensada, a comisión de festas de Bardaos proponvos o plan perfecto.
O plan son en realidade dous plans dos que gozar como se queira, con opción de coller o primeiro e pasar do segundo, coller o segundo e pasar do primeiro ou, o mellor, coller os dous. E é que a comisión da Santa María e o San Pipote 2026 dividiu a despedida de 2025 e a benvida ao novo ano nunha sesión de tardeo e nunha festa de Aninovo, deixando no medio tempo de sobra para ir cear coa familia.
Así, na tardiña do 31 de decembro, das 17:00 ás 21:00h, terán aberta a barra do local social da Bañoca para “botarlle as últimas” deste 2025. E despois da cea e das campanadas, a iso da 01:00h, volverán reunirse no mesmo sitio para estrear 2026 como merece, con música, sorteos e boa compaña durante toda a noite.
A organización tamén lembra que a festa é aberta e con entrada de balde para quen queira achegarse, sexa ou non da parroquia, e que as consumicións terán prezos asequibles. Ademais, preto do amencer tamén se servirán churros con chocolate para recompoñer o corpo antes de marchar para a casa.