Entra en vigor o orzamento municipal para este ano

0

O venres cumpríuse o prazo de 15 días hábiles de exposición pública do orzamento municipal sen que nese periodo se presentase ningún tipo de alegación ao documento, de maneira que o proxecto de ingresos e gastos de San Sadurniño para este ano xa está en vigor. A contía ascende a 2.777.900 euros, unha cifra moi semellante á do exercicio do ano pasado -baixan apenas un 0,7%- que busca preservar a prestación de servizos públicos fundamentais a través de cinco liñas estratéxicas: o fortalecemento das políticas sociais en materia de igualdade, benestar e servizos á dependencia; un maior esforzo investidor dirixido á conservación e mellora da rede viaria; o reforzo das políticas de desenvolemento local e promoción económica, o mantemento da actividade cultural e deportiva, o apoio ás entidades do municipio e, por último, a continuación das actuacións en materia de aforro e optimización do consumo enerxético.

Á hora de deseñar as contas municipais o goberno local apunta á prudencia no tocante á previsión de ingresos procedentes doutras administracións, que sustentan arredor do 64,5 da economía municipal, e indica que os orzamentos deste ano non traen aparelladas subas de impostos e taxas. De feito, o único incremento -aprobado xa o ano pasado- é o referido ao IVTM que, malia iso, segue sendo o segundo máis barato da comarca. No canto de aumentar a carga impositiva sobre a cidadanía, o documento orzamentario pon o acento na necesidade de continuar aforrando en aspectos como o consumo enerxético ou nos custes do tratamento do lixo.

O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira: un 43% en persoal -350.000 euros dos 1.195.000 totais correspóndense coa área de servizos sociais-, un 28% (778.000 euros) destinarase a gasto corrente, o 25,5% (708.000 euros) irán para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución de infraestruturas novas tanto na rede de estradas municipal -aglomerados e sendas peonís- como en equipamentos -135.000 euros para finalizar as intervencións no contorno do campo de fútbol e da piscina municipal-.

O capítulo diminúe un 19% con respecto ao anterior exercicio a pesar de que o número total de obras que se vai executar aumenta. Isto débese a que en 2015 se reservaron 342.000 euros para unha única obra, a do campo de fútbol de Corrás, mentres que en 2016 as actuacións son máis numerosas pero de menor importe, financiadas dentro dos programas provinciais POS e PAS. As máis destacables son o aglomerado do principal eixo de Bardaos -112.500 euros-, a pavimentación Soutocalvo-Pontellas -77.000 euros-, a senda peonil do Eirexado/A Ferraría -36.000-, a pavimentación Regueiro Cavado/A Ribeira -46.000-, a das pistas Moimentos/A Golpilleira, O Albeiro e O Laranxol -58.700 euros-, as obras de urbanización parcial na Agra de Abaixo e a ampliación do abastecemento ao Cochón -30.200-, a xa citada no contorno da piscina e outras pequenas actuacións que se incluirán no Fondo de compensación ambiental por valor de 37.000 euros.

O resto dos importes -96.000 euros- (un 3,45%) serán para transferencias correntes. Aquí englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio -62.000 euros para subvencións e convenios nominativos- e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación. Para becas e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM e 2.000 para atender casos de situacións especiais que poidan xurdir durante o ano.

Cómpre ter en conta que os orzamentos de 2016 tamén contemplan unha pequena previsión de ingresos en concepto de Imposto de Construcións e Obras, que se verán sensiblemente reducidas por mor da paralización de licenzas de nova construción mentres non se aprobe definitivamente o PXOM. Con todo, o Concello modificou as bases das axudas á autoconstrución de vivendas -ata un 50% do ICIO en zonas sen abastecemento de auga nin sumidoiros municipais- introducindo a posibilidade de que se acollan ás bonificacións tamén as obras de rehabilitación.
ORZAMENTO 2016: RESUME COMPARATIVO POR CAPÍTULOS
INGRESOS 2015 2016 %DIF GASTOS 2015 2016 %DIF
1. Impostos directos 645.500,00 681.500,00 5,58% 1. Gastos de persoal 1.049.000,00 1.195.069,00 (*) 13,92%
2. Impostos Indirectos 50.000,00 15.000,00 -70,00% 2. Gastos correntes 768.400,00 778.600,00 1,33%
3. Taxas, prezos públicos
e outros impostos 281.300,00 287.400,00 2,17% 3. Gastos financeiros – – –
4. Transferencias correntes 1.140.000,00 1.170.000,00 2,63% 4. Transferencias correntes 96.500,00 94.000,00 -2,59%
5. Ingresos patrimoniais 16.000,00 11.000,00 -31,25% – – – –
6. Alleamento investimentos
reais 1.000,00 1.000,00 0% 6. Investimentos reais 877,900,00(**) 708.231,00 -19,33%
7. Transferencias de capital 663.000,00 612.000,00 -7,69% 7. Transferencias de capital 5.000,00 2.000,00 -60,00%
8. Pasivos financeiros – – – 8.Pasivos financeiros – – –
TOTAL 2.796.800,00 2.777.900,00 -0,68% TOTAL 2.796.800,00 2.777.900,00 -0,68%
(*) Increméntanse os gastos nesta partida polo aboamento
de antigüidades ao persoal laboral e recuperación da extra conxelada en 2012
(**) O 40% do investimento real de 2015 foi para a obra do campo de fútbol de Corrás,
de aí que a comparativa indique un descenso dun 19,33%

Descargas
Documento completo dos orzamentos municipais 2016 (PDF aloxado en Google Drive)
– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0342_gl.html#/-1/

Share.