As políticas municipais en canto ao desenvolvemento rural e o emprego fundaméntanse nun concienzudo estudo da realidade socioeconómica do territorio e na detección das súas potencialidades. Un plantexamento que se canaliza principalmente a través da oficina de Desenvolvemento local, que centra o seu traballo na posta en valor dos recursos endóxenos e na formación como eixos da evolución integral do territorio.
Seguindo estas premisas, un dos obxectivos principais das Administracións locais debe ser o de modificar o ambiente produtivo, social e urbano existente co fin de incrementar a calidade de vida dos seus cidadáns e cidadás, e xerar un desenvolvemento económico a través da concienciación, da coordinación das inquedanzas cidadás, de espertar o espírito de iniciativa, ou de adaptarse aos cambios tecnolóxicos.
Centro Municipal de Empresas
Bo exemplo de creación de condicións para o emprego e o emprendemento é a posta en marcha do Centro Municipal de Empresas, situado ao carón da Casa do Concello. O inmoble foi antigamente parte do Pazo da Marquesa e, posteriormente, reconverteuse en colexio. Tralo paso deste patrimonio a mans municipais, a área de Desenvolvemento local e Emprego deseñou un proxecto para transformar parte das instalacións en centro empresarial, facilitándolles a persoas autónomas e pequenas firmas de todo tipo locais a prezos asequibles.
O CME conta con 13 espazos con distintas medidas adxudicados en 2017 en rexime de concesión por un período inicial de 2 anos. Nestes momentos poden atoparse alí múltiples servizos: asesoría legal, asesoría a empresas e gandarías, servizos de fontanaría, logopedia, servizos de enxeñaría, traballos aéreos e fotografía e audiovisual. Ademais, no andar inferior tamén está situada a oficina de Correos e o edificio oferta a posibilidade de utilizar as instalacións para xuntanzas de traballo ou para dispor dunha caixa de correos ou a domiciliación social, aínda que non se dispoña de oficina.
Documentación relacionada co Centro Municipal de Empresas:
Regulamento de usos e de asignación de espazos
Ordenanza reguladora dos usos e taxas do Centro Municipal de Empresas
Solicitude de espazos (.doc) (.pdf)
Solicitude para domiciliar a sede sen ocupación de espazo (.doc) (.pdf)
Solicitude de uso puntual das instalacións (.doc) (.pdf)
Desenvolvemento sustentable

Obxectivos coincidentes cos recollidos na Lei 45/2007 para o desenvolvemento sustentable do medio rural: economía multifuncional e diversificada, servizos públicos axeitados e conservación do patrimonio natural e cultural.
En materia de desenvolvemento, San Sadurniño leva a cabo programas propios ou en colaboración con entidades de ámbito local e comarcal nos que xa se leva avanzado, principalmente en canto á posta en valor das posibilidades agrogandeiras nun contexto marcado pola crise da industria, a construción e dos servizos. Así, o Concello creou a Horta de demostración e de conservación de froiteiras do país “Carlos Fornos” no lugar da Cortiña, que serve como banco de patrimonio vexetal no que, ademais, se imparten charlas e cursos. A experiencia foi un primeiro paso para recuperar as variedades do país e, a partir de aí, artellar un programa constante de formación -cultivo, poda, aplicación de produtos fitosanitarios, transformación, etc.- e de apoio á creación de novas entidades relacionadas co sector primario, como é o caso da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, constituída en San Sadurniño aínda que con membros de toda a volta.
A horta pode visitarse con cita previa -grupos dun máximo de 25 persoas cada vez- e recibir unha explicación por parte da AGFA do Eume. Para iso hai que contactar coa entidade a través do 605 614 816 ou do correo agfaeume@gmail.com. O custe das visitas son 20€ para grupos de 1 a 10 persoas adultas, de 2€ por persoa para grupos de 11 a 25 adultas e de 0,5€ por neno ou nena no caso de grupos de escolares, segundo o protocolo que pode descargarse desde esta ligazón.
Outro dos obxectivos neste ámbito é a promoción da produción local e a súa posterior comercialización a través de mercados de proximidade. San Sadurniño forma parte do proxecto A Fusquenlla en colaboración con Moeche, Valdoviño e Cerdido, que será referente para as elaboracións locais e tamén para a formación no ámbito agroalimentario. Ademais, no noso concello tamén se organizan eventos anuais relacionados co medio rural e o sector primario. Son a Feira da Plantación -organizada inicialmente pola desaparecida asociación Bidueiro-, que se celebra o último domingo de abril como escaparate para viveiros e produtos da terra, e a Feira Rural do mes de agosto, que recolle un grande mercado e propostas máis amplas ao redor do desenvolvemento territorial.
Desde a Oficina de Desenvolvemento local ofrécese asesoramento para a posta en marcha de proxectos individuais ou cooperativos facilitando información estatística útil, datos sobre oportunidades e nichos de mercado no ámbito rural e sobre procedementos para obter subvencións e finanzamento específico. Este departamento tamén participou en proxectos europeos centrados na formación e no coñecemento de experiencias de éxito noutros países, como foi o caso do GoGreenNow, o programa europeo Grundtvig ou o ECMYNN, desenvolvido no bienio 2015-2017 para mellorar as competencias das institucións que traballan con mocidade que nin estuda nin traballa. Desde mediados de 2017, o departamento de Desenvolvemento local tamén se ocupa das cuestións relacionadas co emprego e a empregabilidade e a formación.
Ademais, o Técnico de Desenvolvemento local tamén é o encargado de sestionar o Punto de Información Catastral onde poden facerse as seguintes xestións:
- Consulta de datos catastrais non protexidos, certificación de valor de referencia e certificación da referencia catastral.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte do titular catastral ou de persoa representante ou autorizada.
- Certificación negativa.
- Consulta por parte da persoa titular catastral sobre información de solicitudes de axuda da PAC.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte de titulares catastrais colindantes, titulares de dereitos reais, de arrendamento e aparcería e persoas herdeiras.
O servizo situado na Casa do Concello (Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño) ofrécese os mércores de 10:00h a 13:00h sempre con cita previa, que deberá concertarse no 981 490 027 ou no 695 876 068. Acceso ao listado de Puntos de Información do Catastro (web externa)