A Deputación da Coruña promove o Programa provincial de apoio ao comercio local, dirixido a incentivar as compras nos establecementos retallistas dos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, entre eles San Sadurniño.O obxectivo é fomentar o consumo de proximidade mediante bonos de desconto que poderán empregar as persoas consumidoras maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de residencia.
As vendas subvencionadas realizaranse entre o 20 de outubro e o 3 de decembro de 2025, e os bonos de ata 100 euros permitirán descontos de 5, 10 ou 15 euros segundo o importe da compra.
Os comercios interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.mercanavila.gal desde as 09:00h do luns 6 de outubro ata as 09:00h do luns 20 de outubro, achegando os datos requiridos no formulario -nome, apelidos ou razón social, domicilio fiscal, enderezo, epígrafe do IAE, entre outros- e cumprindo cos requisitos establecidos nas bases da convocatoria, como por exemplo o de estar ao tanto das obrigas tributarias coa Deputación e cos concellos da provincia da Coruña, ter establecemento aberto nun municipio de menos de 20.000 habitantes e non estar na obriga de pagar o IAE.
As persoas usuarias tamén deberán darse de alta na mesma web para poder descargar os seus bonos, que terán formato dixital (código QR) e poderán utilizarse en todos os comercios adheridos ata o esgotamento do orzamento dispoñible. A alta en www.mercanavila.gal deberán tramitala desde as 09:00h do luns 20 de outubro ata as 23:59h do mércores 3 de decembro (sempre e cando non se acaben antes os fondos da campaña).
Toda a información e as bases completas da convocatoria están dispoñibles en www.mercanavila.gal e na sede electrónica da Deputación da Coruña.