Bardaos encadea tres días de troula

0

A parroquia de Bardaos celebra este venres e  sábado as festas patronais na honra de Santa María, máis coñecidas en toda a volta como “San Pipote” polo costume relativamente recente de sacar en procesión na noite do sábado un grande bocoi cheo de calimotxo. Chámese dun xeito ou doutro, o certo é que Bardaos se converte en epicentro trouleiro reunindo centos de persoas nunha das últimas grandes citas do verán, con permiso do Biscordel que se celebrará en Igrexafeita á fin de semana seguinte. Malia que a festa propiamente dita é venres e sábado, a actividade na parroquia comeza no local social na noite deste xoves coa actuación de Los Alcántara. Ademais das festas en Bardaos, en Santa Mariña tamén temos un sábado dedicado aos cabalos.

O local social da Bañoca é, un ano máis, o punto elixido para ir meténdose en situación, para quentar motores de cara ás dúas xornadas seguintes, que nos deparan música e outras actividades.  Así, este xoves a partir das 23:00h, Los Alcántara traerannos as súas versións de cancións de Raphael, Nino Bravo, Rocío Jurado, Massiel, Mocedades e outros imprescindibles da música popular española.

A formación ferrolá, integrada por Al Vila, Cabe García, Jota Romero e Juan Folla, gábase en clave de humor de ter revolucionado o panorama musical galego botándolle pezas de toda a vida, que eles interpretan ao seu xeito, pero cunha execución impecable. E é que, fóra bromas, os catro son grandes músicos.

O venres xa será día de patrón na honra de Santa María. Cómpre aclarar o detalle, xa que para moitas e moitos as festas de Bardaos son “o San Pipote”, cando en realidade o que se celebra desde sempre é a Santa María, mentres que o asunto da procesionar con bocois sobre andas foi unha argallada da juventú da parroquia a finais dos anos 90. Este primeiro día da festa celebrarase misa ás 13:30h e ao seu remate teremos sesión vermú no campo da festa co Dúo JM, que repetirá pola noite batíndose nun duelo musical coa Cinema.

A terceira e última xornada trouleira, o sábado, volverá ofrecerse misa ás 13:30h seguida da sesión vermú animada por Fusión. Cerca xa do serán –18:00h– a área recreativa e o prado ao seu carón acollerán as concorridas Olimpiadas Parroquiais, que comprenden disciplinas non federadas como as carreiras á carretilla, as loitas corpo a corpo sobre a cucaña, as carreiras en big-bag e outras probas por equipos. Pola noite volverá a música de Fusión e da Charleston Big Band, orquestra pradronesa habitual nas romarías galegas que acaba de facer os seus 40 anos enriba dos palcos e escenarios.

Aproveitando un dos cambios de orquestra, sobre a unha da mañá, será cando se celebre a procesión do San Pipote, que en realidade son tres: o Pipote, a Pipotiña e mailo Pipotiño. A procesión incluirá, si ou si, a tamén tradicional alocución pública de Carlos Cobelo.

Desde a páxina en facebook da Parroquia de Bardaos-San Pipote informan que este ano volverá haber zona de acampada e carpa.

Ruta Cabalar en Santa Mariña do Monte
Ademais da festa en Bardaos, este sábado tamén temos ruta cabalar en Santa Mariña, organizada pola Asociación de Cabaleiros de Santa Mariña do Monte.

A saída está posta para as 10:00h desde Mesón “Os Cazadores”. O evento inclúe ruta, pincho e comida: churrasco acompañado de viño e pan. A participación é gratuíta para as persoas socias, mentres que as non socias deberán aboar 25€.

Para máis información e inscricións pódese contactar con Vicente (660 699 615) ou Segis (649 369 107). A organización lembra que cada xinete será responsable dos danos ocasionados polo seu cabalo.

Share.