Ata o 9 de abril: Axudas destinadas ás persoas agricultoras mozas (MR404A e MR405F)

0

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia convocou para o ano 2026 novas axudas destinadas á incorporación de persoas agricultoras mozas e á modernización de explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas teñen como obxectivo favorecer o relevo xeracional no campo galego e mellorar a competitividade das explotacións agrarias.

MR404A – Establecemento de persoas agricultoras mozas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter entre 18 e 40 anos, ambos incluídos.

  • Cumprir as condicións necesarias para ser xefe ou xefa de explotación por primeira vez, ou telos cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude (agás no caso de incorporación nunha forma xurídica).

  • Alcanzar a condición de agricultor profesional nun prazo máximo de 18 meses desde a data de establecemento.

  • A explotación agraria deberá acadar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.

  • Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente, segundo o Decreto 200/2012, nun prazo máximo de 36 meses desde o establecemento.

  • Presentar un plan empresarial.

  • Manter a actividade agraria durante 5 anos desde o pagamento final da axuda.

  • Participar no programa de titorización para persoas agricultoras mozas da Consellería do Medio Rural.

  • Non ter concedida anteriormente unha axuda por primeira instalación ou, no seu caso, ter renunciado a ela.

Cantidade da axuda: A axuda base é de 30.000 euros, podendo incrementarse ata 70.000 euros se se cumpren determinados criterios:

  • 10.000 € por ser muller.

  • 10.000 € se a explotación está situada en zonas con limitacións naturais de montaña ou na Rede Natura 2000.

  • 10.000 € se se trata dunha explotación de agricultura ecolóxica.

  • 10.000 € por titularidade compartida.

No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 30.000 euros.

MR405F – Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, ás que poderán acceder as persoas que:

  • Soliciten simultaneamente a axuda de establecemento de persoas agricultoras mozas (MR404A).

  • Teñan polo menos 18 anos no caso de persoas físicas.

  • Dispoñan de capacitación profesional suficiente, segundo o Decreto 200/2012.

  • Teñan como actividade principal a agraria.

  • Exerzan a actividade agraria na explotación e manteñan os investimentos cofinanciados durante 5 anos.

  • Presenten unha solicitude viable economicamente.

  • Non teñan expediente na submedida 4.1 do PDR de Galicia 2014-2020 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas).

  • Non teñan concedida unha axuda pola mesma subintervención.

Investimentos elixibles: Serán subvencionables os investimentos materiais e inmateriais que melloren o rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións agrarias. Inclúense, entre outros:

  • Reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que reduza custos de produción ou aumente a produtividade.

  • Compra de construcións agrarias en desuso ou adquiridas mediante transmisión dunha explotación a través do Banco de Explotacións.

  • Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude froiteira (árbores e arbustos froiteiros).

  • Compra de terreos, segundo o establecido no Regulamento (UE) 2021/2115.

  • Investimentos inmateriais asociados aos anteriores, como gastos xerais, licenzas de software ou permisos.

O investimento mínimo elixible establécese en 15.000 euros.

Cantidade da axuda: A axuda cubrirá o 30 % dos custos elixibles, podendo incrementarse ata un máximo do 65 % segundo os criterios establecidos na orde. A contía máxima será de 75.000 euros por UTA, cun límite de 250.000 euros por persoa beneficiaria. Como máximo, o 30 % da axuda poderá destinarse á adquisición de maquinaria agrícola.

Prazo de solicitude: ata o 9 de abril de 2026.

Ligazón á convocatoria

 

 

Share.