A finalidade desta liña é a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico.
Persoas beneficiarias: Persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotación de animais.
Prazo de solicitude: ata o 28/11/2025.
Cantidade: As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais (establecidos para as indemnizacións por sacrificio obrigatorio por motivos de sanidade animal), ou segundo os valores unitarios dos animais recollidos nos diferentes plans de seguros agrarios combinados (para os efectos do cálculo das súas contías de indemnización), aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante reais decretos ou ordes ministeriais.
Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, ou ben os animais destas especies morran, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación ou afectados por enfermidades sometidas a programas nacionais, e para as cales non haxa un baremo oficial xa aprobado a contía das indemnizacións será a sinalada no parágrafo anterior.