Ata logo, Chanfaina lab, vémonos en febreiro!

0

Rematou o Chanfaina lab. Tras tres intensos días, o encontro audiovisual despídese. Pero non o fai cun adeus, senón cun ata logo coa promesa de todas as realizadoras e realizadores de volver encontrarse no mes de febreiro para a estrea das curtas filmadas esta fin de semana. A maioría de equipos chegados de fóra estiveron percorrendo o territorio durante o sábado e o domingo para gravar as súas historias, mentres que boa parte dos habituais da casa estiveron máis pendentes de brindarlles apoio na produción ou como intérpretes que de filmar as súas propias pezas, algo que poderán facer máis devagar nas próximas semanas e meses. As pautas son as mesmas para todas e todos: non máis de cinco minutos de duración, tema e tratamento totalmente libres e ambientacións musicais que non dean problemas de dereitos unha vez se publiquen na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño.

Este primeira parte do Chanfaina lab rematou, como vén sendo xa tradición, cun xantar de despedida celebrado desta vez no Mesón A Granxa e degustando chanfaina, o embutido que lle dá nome ao encontro audiovisual pola similitude entre ambos. E é que a chanfaina de comer é un conxunto de ingredientes humildes que se combinan para dar de si un prato exquisito, cheo de texturas, sabores e matices. O mesmo que a outra chanfaina, a de ver na pantalla, que ha de traernos en febreiro historias deliciosas feitas con medios moi xustos pero con grande cariño, gusto e, en moitos casos, tamén con moito oficio.

Quitado quen tira polo experimental e se centra na gravación contemplativa de paisaxe, luces e outros elementos para darlles forma despois, en cada edición do Chanfaina lab cada vez se nota máis que os equipos afrontan as filmacións sen deixarlle oco á improvisación. Investigan sobre o territorio –Fálame de San Sadurniño é adoito unha fonte inesgotable de ideas e fíos argumentais-, preparan un plan de traballo co que queren gravar e, unha vez aquí, van a tiro fixo á procura do material que necesitan, sempre cunha certa marxe para introducir cambios sobre a marcha por razóns loxísticas, porque o proxecto non é viable tal e como estaba concibido ou porque xorde unha historia para contar moito máis gorentosa que a que se traía na cabeza.

Polo que puidemos ir vendo, á volta duns meses presentaránsenos narrativas moi diversas en canto a xéneros e tratamento dos temas, abordando de novo a historia, a esculca da paisaxe física e humana, a ficción, o realismo (máxico as máis das veces), os exercicios de estilo audiovisual e incluso o gore. Pero para saber o que nos deparará este Chanfaina lab, teremos que agardar a febreiro, a unha data aínda por concretar da cal se informará unhas semanas antes.

Onte, no xantar de despedida, o alcalde agradeceulles ás creadoras e creadores a súa participación na presente edición. Un agradecemento que Secundino García Casal ampliou tamén ao equipo de cociña que a fixo posible.  Na sobremesa da última comida compartida tamén se reiteraron as recomendacións sobre como deben prepararse as pezas: non máis de cinco minutos de duración, algo que moitas e moitos incumpren pero que sempre se lles perdoa e que se compensa con quen fan pezas moito máis curtas; utilizar músicas libres de dereitos -para que non salte o id content na canle de Youtube de Fálame-; e tamén o recordatorio de que as realizadoras e realizadores son donos das súas pezas e que, polo tanto, poden movelas por festivais, plataformas de streaming, salas de proxección ou por onde queiran, volvendo levar deste xeito o nome, a paisaxe e a idiosincrasia de San Sadurniño por todo o mundo.

O X Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da liña de axudas para festivais de artes escénicas e audiovisuais da Deputación da Coruña.

 

Share.