A recollida do lixo porta por porta amplíase ás zonas máis elevadas do concello

0

Desde hai uns días está funcionando a segunda fase do proxecto de recollida de lixo porta por porta emprendido polo Concello para reducir custes no servizo e alcanzar a máxima eficiencia ambiental no posterior tratamento dos residuos. O novo percorrido -que vén sumarse ao xa existente en Ferreira- abrangue 25 lugares de Naraío e Igrexafeita e vai acompañado dunha campaña de sensibilización da veciñanza co obxectivo de promover unha correcta separación en orixe. Ademais o Concello tamén incrementou o número de colectores, que agora son máis pequenos e están máis preto das casas.

O proxecto baséase en tres piares: en aproximar ás vivendas os cubos do lixo para facilitarlle á xente o depósito das bolsas, en empregar para a recollida unha furgoneta en vez dun camión e, o principal, en que nos fogares se separen as distintas fraccións de lixo co obxectivo de reducir ao mínimo os custes posteriores de procesado.

A ruta iníciase na Casanova, pasa por varios lugares de Igrexafeita -aqueles con pistas máis estreitas ou onde o camión compactador tiña máis dificultades para manobrar-, sobe aos núcleos máis elevados do municipio -desde o Castro até Lourido seguindo o cordal do Forgoselo- e remata en Cabanas. Neste percorrido de 52 quilómetros, 25 lugares e 82 domicilios redistribuíronse as illas de colectores, que contan na súa maioría cun verde para o vidro, outro azul para o papel e o cartón, un amarelo para plástico, latas e bricks e un cuarto colector gris para o resto de residuos, como poden ser zapatos vellos e residuos que non encaixarían nos outros depósitos.

Non hai colector para o orgánico -que supón arredor do 40 por cento da bolsa do lixo- xa que esa fracción formada principalmente por mondas e restos de comida debe procesarse en cada casa como se fixo toda a vida, é dicir, como mantenza dos cochos e outros animais, botándoa no esterco ou ben por medio da compostaxe, que non deixa de ser unha evolución da esterqueira tradicional. Para iso tamén se repartiron pola zona pequenos composteiros. ADEGA -a entidade que traballa na fase de posta en marcha- ofrece consellos sobre como utilizalos, ademais de facer a formación inicial sobre o novo sistema de recollida e de titorizar o seu desenvolvemento.

A clave do modelo de recollida está na separación. Canto mellor se faga, máis aforro económico e ambiental. Cómpre ter en conta que o procesado de material reciclable -papel, vidro e envases- non ten custes para o Concello, de maneira que se se elimina a parte orgánica tamén se está rebaixando considerablemente a cantidade de lixo que vai para SOGAMA. A experiencia de Ferreira demostrou que se pode reducir en máis da metade o volume enviado a Cerceda e, ademais, tamén se confirmou un importante aforro en combustible ao substituír o camión compactador por un pequeno furgón.

O Concello agarda repetir deste xeito en Igrexafeita e Naraío os “bos resultados” alcanzados nos últimos meses en Ferreira, tal e como apunta a titular da área de Servizos, Amparo Calvo. “Iniciamos as probas do porta por porta o martes da semana pasada e no desta xa fixemos unha recollida completa. A xente está respondendo moi ben á idea e estase adaptando sen problemas desde o primeiro momento malia que para a maioría supón un cambio de hábitos. É algo que ten moito mérito se temos en conta que en moitos lugares viven persoas cunha idade avanzada.”

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0383_gl.html#sthash.kPAECfQZ.dpuf

Share.