Tal e como informamos no último boletín Novas enviado ás casas, a estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos agrícolas volverá en breve por San Sadurniño para pasarlle a revisión aos tractores. A unidade atenderá en Santa Mariña do Monte, na explanada de Moimentos, este luns 23 de febreiro de 09:00 a 13:30h. e de 15:15 a 18:00h. O xoves 5 e o venres 6 de marzo, por outra banda, a estación estará situada na pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita. O xoves prestará servizo pola mañá e pola tarde -09:00 a 13:30 e 15:15 a 18:00h-, mentres que o venres só atenderá pola mañá. Hai que pedir vez chamando ao 981 928 080 ou a través da web www.sycitv.com.
Os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas, teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos, mentres que dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é anual.
Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de acudir á revisión é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.
As recomendacións sobre freos, iluminación e outros aspectos veñen ao caso de que os vehículos agrícolas deben encontrarse en bo estado para superar con éxito a inspección e obter a ansiada pegatina troquelada, pero máis que nada para termos a certeza de que podemos circular con eles con seguridade. En Galicia o parque de tractores ten unha media de idade que rolda os 25 anos, e segundo o ISSGA, o avellentamento da maquinaria agrícola é un dos factores que incrementan a posibilidade de accidentes.
A ITV en Santa Mariña, en Igrexafeita e noutros puntos próximos
A unidade móbil específica estará en Santa Mariña do Monte -no aparcadoiro da igrexa parroquial, en Moimentos- o luns 23 de febreiro. Atenderá en horario de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h.
A estación tamén visitará Igrexafeita na primeira semana do mes que entra. Permanecerá na pista polideportiva da Torre o xoves 5 e o venres 6 de marzo. O primeiro día revisará maquinaria pola mañá e pola tarde, de 9:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00h, mentres que o venres só atenderá de mañá, de 09:00h a 13:30h.
A vez pode pedirse chamando ao 981 928 080 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Segundo informa SyC-ITV Applus na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
Ademais das inspeccións en Santa Mariña e Igrexafeita, a estación móbil tamén estará este venres diante da cooperativa de Vilaboa, en Moeche o 24 e 25 de febreiro, e en Pedroso o 10 e 11 de marzo.