A ITV dos tractores estará en Santa Mariña o 7 de novembro e en Igrexafeita o 10

0

A Unidade Móbil nº11 da ITV volverá pola nosa zona a primeiros de novembro para levar a cabo a segunda quenda anual de inspeccións dos vehículos agrícolas. Esta unidade, que entrou en servizo o ano pasado, tamén pode pasarlle a revisión á maquinaria de obras e tramitar expedientes simples que non requiran proxecto técnico nin pesaxe. Así, a UM-11, estará o día 7 de novembro en Santa Mariña do Monte (só pola mañá) e o día 10 de novembro en Igrexafeita. É necesario solicitar cita previa a través do teléfono 981 928 080 ou na web www.sycitv.com.

Os tractores agrícolas ou forestais da categoría T5 (con rodas e unha velocidade máxima superior a 40 km/h) deben pasar a primeira inspección aos 4 anos da súa matriculación e despois, dos 4 até os 16 anos, a ITV será cada dous anos. Con máis de 16 anos de antigüidade hai que levalos á revisión todos os anos.

O resto de maqinaria das categorías T1, T2, T3 e T4 (tractores e máquinas automotrices -agás as de 1 eixo-, remolques especiais, máquinas remolcadas e tractocarros que non superan os 40 km/h de velocidade máxima) teñen a primeira ITV aos 8 anos, dos 8 aos 16 será cada dous anos e dos 16 en diante a inspección é anual.

Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.

A ITV en Santa Mariña, Igrexafeita e noutros puntos cercanos
A estación móbil adoita visitar o noso municipio na primavera e no outono, co obxectivo de concentrar en dúas veces no ano as inspeccións de toda a maquinaria de San Sadurniño e das zonas próximas.  Así, en Santa Mariña do Monte a ITV instalarase onde sempre, no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o venres 7 de novembro só pola mañá, de 9:00 a 13:30h.

En Igrexafeita a estación móbil permanecerá na pista polideportiva da Torre o luns 10 de novembro, atendendo entre as 9:00 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h.

Por se a alguén lle cadra mellor por proximidade, a UM-11 tamén estará diante da Cooperativa de Vilaboa o día 6 de novembro e en Moeche -recinto feiral de San Ramón- o xoves 13, en ambos casos atendendo de mañá e de tarde. En Neda -local social de Anca– permanecerá o 18 de novembro só pola mañá. Un día antes, o 17, tamén se lle poderá pasar a revisión ao tractor no campo da festa de Pedroso.

Para acudir á inspección hai que solicitar vez chamando ao 981 928 080 ou a través da web www.sycitv.com. A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias, polo que é mellor facer a consulta antes de pedir a vez.

Share.