A Aula CeMIT ofrece tres obradoiros especializados nos próximos días

0

A Rede CeMIT ocupa boa parte da súa programación en ofrecer actividades relacionadas co acceso á sociedade da información e do coñecemento para persoas que, por distintas razóns, non tiveron oportunidade de entrar en contacto co universo tecnolóxico da informática, Internet, os dispositivos móbiles, etc. De feito esta rede de aulas repartidas por toda Galicia xurdiu co obxectivo principal de ofrecer formación para eliminar a “fenda dixital” existente entre quen se manexa ben no mundo virtual e quen debe empezar desde cero. Porén, ademais dos cursos e actividades básicas de iniciación, a Rede dependente da AMTEGA e dos concellos tamén propón obradoiros máis especializados. Os próximos celebraranse este xoves e mailo día 1 de marzo

O xoves será un día intenso para quen queira afondar en dúas cuestións moi relacionadas coa mellora da empregabilidade en relación coas novas tecnoloxías. E é que entre as 9.30 e as 13.30h. poderemos asistir na aula de San Sadurniño a un seminario centrado do desenvolvemento de aplicacións web para dispositivos móbiles empregando HTML5 mentres que, pola tarde -de 17 a 20.00h.-, se ofrecerá unha sesión que nos descubrirá de que maneira incide no emprego a nosa marca persoal e a nosa identidade dixital.

A actividade da mañá impartiraa o enxeñeiro informático Antonio Varela, mentres que da da tarde se ocupará o formador Alberte Cea. Ambas sesións ofreceranse por videoconferencia e para acceder a elas desde a aula de San Sadurniño será necesario inscribirse previamente, xa sexa a través da páxina xeral da Rede ou a través das vías de contacto coa aula local: o correo cemit.sansadurnino@xunta.es e o teléfono 616 016 793.

A seguinte acción formativa -tamén un seminario por videoconferencia- está prevista para o martes da semana que vén -1 de marzo- e terá como poñente ao enxeñeiro experto en programación Javier Moreno, que falará sobre aplicacións a escala web. Durante o seminario explicarase como deseñar, implementar, probar e despregar aplicacións capaces de soportar millóns de usuarios. O acto terá un enfoque práctico que se levará a cabo cunha demostracióna baseada en Java, SpringBoot, Netflix, OSS e AWS, aínda que os conceptos poden aplicarse a calquera tecnoloxía. Tanto esta proposta como as dúas anteriores son gratuítas.

Máis información
Seminario de desenvolvemento de webapps con HTML5
Seminario sobre marca persoal e identidade dixital
Seminario sobre aplicacións a escala Web

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0356_gl.html#/-1/

Share.