A Asociación Galega da Froita Autóctona ten asinado co Concello de San Sadurniño un convenio para a promoción das castes do país e das súas posibilidades agronómicas e económicas. Neste sentido, a AGFA do Eume ocúpase durante o ano do mantemento da horta de conservación Carlos Fornos e, ademais, colabora co Concello en distintas actividades, como son as feiras da primavera e o verán ou o curso de fruticultura que comeza este venres. Un curso de catro xornadas que, por primeira vez, vai partirse en dous ciclos, o primeiro os días 21 e 22 de novembro centrado nas técnicas de poda e o segundo os días 20 e 21 de febreiro atendéndolle ao labor do enxertado. A actividade ofrece 20 prazas gratuítas para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e persoas socias da AGFA do Eume. Hai que apuntarse no 635 013 323.
Se ben en anteriores edicións do curso de fruticultura se abordaban temas xerais de introdución ás técnicas de plantación e mantemento, nesta ocasión a AGFA optou por ofrecer sesións con maior grao de especialización. Así, as primeiras oito horas do total de 16 que se van impartir estarán centradas nas técnicas de poda previas á chegada do inverno, aínda que tamén se falará das que deben efectuarse noutras épocas do ano.
O enxeñeiro agrónomo Marcos Besada falará este venres 21 de novembro na Casa da Xuventude en horario de 16 a 21:00h falará da conveniencia de aproveitar esta época de parón vexetativo para facer unha demouca xeral que asegure a boa saúde da planta, un guiado correcto e, sobre todo, unha produción axeitada na seguinte temporada.
O sábado pola mañá, de 10 a 14:00h, a actividade trasladarase á horta de conservación Carlos Fornos, onde se porán en práctica as podas que require cada tipo de froiteira -principalmente as maceiras-, dependendo da especie e do tipo de formación que se lle queira dar á árbore, coa que se debe conseguir unha boa ventilación das pólas e a maduración uniforme dos froitos, ademais de facilitar o proceso de colleita.
A segunda metade do curso, os días 20 e 21 de febreiro, estará dirixida polo técnico Roberto Martínez -dos viveiros Ribeirao, en Monfero- ensinando as técnicas básicas de enxertado. Neste caso os contidos, que gardan moita relación coa primeira parte da formación, mostrarán aspectos como as formas máis habituais de insertar as pugas, as variedades que mellor lle van a cada portaenxertos ou a hixiene e precisión cirúrxica coa que deben facerse os cortes para que as feridas da árbore curen rápido e non sexan punto de entrada de doenzas (fai falla usar ferramenta ben afiada e desinfectada).
Estas dúas últimas xornadas de febreiro realizaranse ambas en campo, o venres 20 de febreiro de 16:00 a 20:00h visitando unha plantación en Naraío e o sábado 21 de 10:00 a 14:00h achegándose ao viveiro do docente en Monfero.
O curso de fruticultura organizado pola AGFA do Eume e o Concello oferta un máximo de 20 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. Trátase dunha acción formativa gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño e para as persoas socias da entidade (para o resto o prezo serán 40€). O prazo para anotarse finaliza este xoves, contactando directamente coa AGFA no 635 013 323.
A actividade forma parte do convenio anual asinado entre o Concello de San Sadurniño e a asociación, que tamén inclúe a xestión e mantemento da horta de conservación Carlos Fornos, a promoción conxunta da froita do país e a colaboración co consistorio en eventos como a Feira da Plantación do mes de abril ou a Feira Rural que se celebra en agosto, onde a AGFA do Eume leva o peso do concurso onde se premian os mellores lotes da comarca.