A ACRD Santa Mariña do Monte lévate de excursión a Portugal este sábado

0

Santa Mariña vai empezar o outono con moita forza. E é que para as próximas semanas a parroquia ofértanos actividades ben atractivas que cómpre non deixar pasar, organizadas pola asociación veciñal e a comisión de festas. Propostas que comezan este mesmo sábado cunha viaxe a Portugal e que proseguen despois, o 4 de outubro, cun serán musical arredor dunha táboa de polbo e coa festa do San Loureiro programada para o día 11. Velaí os datos completos, publicados desde hai varios días na nosa axenda de Google Calendar e incluídos no boletín Novas que se enviará ás casas esta mesma semana.

A primeira das citas é a excursión a Portugal deste sábado 20 de setembro organizada pola ACRD Santa Mariña do Monte. Sairase en autobús do local social da Golpilleira ás 7:30h e emprenderase camiño con destino á outra banda do Miño para visitar en primeiro lugar a afamada feira de Vila Nova de Cerveira. Despois dun tempo para percorrela toda e mercar o que se queira, a expedición volverá cara a fronteira de Tui parando na Fortaleza de Valença para dar unha volta pola súa espectacular muralla e visitar o seu casco histórico. O xantar está reservado nun dos establecementos da vila, a base de arroz de marisco, bacalhau, bebida, sobremesa e café.

Esta viaxe terá un prezo de 40€ as persoas socias da asociación cultural e de 45€ para aquelas que non o sexan. Prezos máis que asequibles e máis que baratos para un entretemento que durará toda a xornada e que é ideal para facelo con amizades. Iso si, cómpre bulir a reservar chamando ao 630 811 062 (Pilar) ou ao 607 619 310 (Camila). O último día para apuntarse é este mércores 17 de setembro, sempre e cando aínda queden prazas, que son limitadas.

O seguinte evento previsto en Santa Mariña toca o sábado 4 de outubro a partir das 20:30h no local social. Ese día quen queira comer unha táboa de polbo e pasar unha noite de festa non terá que ir ao San Froilán, xa que a Comisión de Festas de Santa Mariña do Monte organiza un serán con Landeira Pulpeiros no que se poderán degustar (ou levar para casa)  racións de polbo e pan a 15€.  A velada estará animada pola solista Patricia Prados. Hai máis información nos teléfonos 698 190 700 (Yaiza), 633 714 044 (Cristian) ou 604 154 681 (Fran).

E como remate do listado co que arranca o outono en Santa Mariña, a festa do San Loureiro que se celebrará o sábado 11 de outubro no contorno da pista polideportiva e do local social da Golpilleira. Empezan ás 13:00h cunha sesión vermú animada polo Dúo Caramelo.  Ás 14:30h servirase un xantar a base de polbo, xamón, sobremesa, bebida, café e chupito. Prezo: 25€ persoas socias e 30€ as non socias da ACRD Santa Mariña do Monte. Pola tarde actuarán Os da Xesteira, Bailes do Mundo, Quen Sodes Band e, de novo, o Dúo Caramelo.  Para xantar hai que anotarse antes contactando con Pilar no 630 811 062 ou con Camila no 607 619 310. O día finalizará coa peculiar procesión do San Loureiro, continuando unha tradición instituída na parroquia en 1998. .

 

Share.