San Sadurniño participará no II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e a Asociación de Municipios de Cabo Verde

0

Alcaldesas e concelleiras dunha ducia municipios galegos participarán este xoves e venres na cidade caboverdiana de Praia no II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, que reunirá a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia. A finalidade do encontro é  fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero. Unha ducia de concellos galegos estarán representados nestas xornadas organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV) baixo o lema “Electas no local, unha voz global”. San Sadurniño tamén terá presenza no evento por medio da concelleira Mari Carme Muíño Filgueira, quen ademais de titular da área municipal de Benestar tamén é secretaria do Fondo Galego. A delegación de municipios galegos intégrana canda ela as alcaldesas de Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas, Salceda de Caselas e Burela, ademais de concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán e Santiago de Compostela. O II Encontro Internacional “As Elixidas” está financiado pola Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.

Tal e como sinala nun comunicado de prensa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a incorporación das mulleres á política local resulta clave para promover a igualdade de xénero de xeito tanto específico como transversal. No entanto, os datos revelan un baixo grao de representación feminina en todos os ámbitos de decisión, tamén no eido municipal. Cómpre, por tanto, contribuír ao cumprimento da meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”.

Deste xeito, o programa de “As Elixidas. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia” non só contará con destacadas representantes municipais dos tres países, senón tamén con membros dos gobernos caboverdiano, español e galego e con persoas expertas de Nacións Unidas, do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no marco das xornadas, presentarase a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas, inspirada no exemplo mozambicano que puideron coñecer na primeira edición do evento, celebrada na Coruña en 2024.

Mesas de debate
Trala constitución desta rede, prevista para a mañá deste xoves 12 de marzo, terá lugar a apertura formal do II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas” por parte das autoridades, entre as que se citan o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. A continuación desenvolverase a conferencia inaugural “As mulleres no poder”, a cargo da Ministra de Xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa.

O primeiro panel, “Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia”, contará coa intervención de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, e centrarase en identificar os principais obstáculos que dificultan o acceso e a permanencia das mulleres aos cargos municipais, a partir da experiencia propia, así como os factores que favorecen esta incorporación e as estratexias de sororidade que se poden adoptar.

O venres día 13, os traballos darán comezo coa mesa “Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia”, na que intervirá a alcaldesa de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Esta sesión busca visibilizar e analizar políticas públicas que teñan xerado impactos positivos na igualdade de xénero a nivel local, así como explorar mecanismos institucionais que permitan transversalizar este enfoque.

A continuación, terá lugar o obradoiro “Elaboración de políticas locais e orzamentos municipais sensibles ao xénero”, que ofrecerá ferramentas prácticas para identificar desigualdades estruturais, abordar as necesidades de mulleres e nenas e garantir unha asignación equitativa dos recursos, achegando exemplos reais. Entre as dinamizadoras deste taller atópase Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC.

A axenda pecharase o venres pola tarde, coa sesión de conclusións a cargo da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e coa lectura e sinatura dunha declaración final por parte de todas as electas locais presentes, tras a que se celebrará a clausura oficial do evento coas intervencións de Mari Carme Muíño Filgueira en calidade de secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e de Leida Santos, presidenta do Consello Xeral da ANMCV. Cómpre apuntar que o II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas” poderá seguirse en streaming e nas redes sociais das entidades organizadoras co hashtag #AsEleitas.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Share.