San Sadurniño convértese neste día no referente das posibilidades do medio rural a través dun encontro que combina a esencia das feiras de toda a vida coa posta en valor daquelas experiencias que apostan pola sustentabilidade.
Haberá mercado desde primeira hora da mañá -produtos frescos, alimentos transformados, planta e horta, maquinaria, artesanía e artigos de segunda man- distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña.
Entre as actividades paralelas cóntanse as visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos con prácticas de poda e enxertado, as degustacións de froitas e produtos do centro A Fusquenlla, dous obradoiros de cociña para a rapazada, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto de proximidade, música ao vivo coas Faíscas da Pontraga e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
Ademais, nesta edición -como parte da celebración do Ano Castelao- tamén contaremos con artistas que en certa maneira recollen o testemuño do pintor e debuxante rianxeiro. Así, nos sendeiros da feira veremos traballando ao vivo a Leandro Lamas, Blanca Escrigas, Ana Moreiras e Manolo Carballeira, que nos mostrarán durante a xornada o seu proceso creativo. Os cadros/láminas que pinten sortearanse ao mediodía e pouco antes da clausura. Tamén se sortearán deseños feitos expresamente para esta feira por Xaquín Marín e Juanlu Fernández (Juanlu Nacha).
Onde xantar
A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A Granxa, Mesón O Ferrador e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte). No caso dos locais hostaleiros convén reservar con tempo de antelación. Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).
PROGRAMA DA XVI FEIRA RURAL DE SAN SADURNIÑO
30 de agosto de 2025, Leira da Cortiña (Google Maps)
10:00h Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e segunda man. As solicitudes deberán presentarse no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14:00h do 25 de agosto. Descarga da folla de solicitude, as normas de participación e a folla da autoliquidación da taxa.
10:30 a 13:30h Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso de 10:30 a 11:30h na carpa principal. Agasallo dunha froiteira do país só por participar. Descarga das bases do concurso.
– Premios: tres cestos de produto de proximidade valorados en 100 euros cada un.
11:30h Visita guiada á horta de froiteiras con obradoiro de enxertado
11:30h Descensos en kaiak polo río Xubia (inscrición no posto do Concello)
12:00h Pasarrúas polos sendeiros co grupo de música tradicional Faíscas da Pontraga
12:00h a 14:00h Degustación de froita do país e produtos da Fusquenlla
12:30h Visita guiada ao colmear didáctico (inscrición no posto do Concello)
12:45h Obradoiro de cociña para a rapazada co chef Xosé Troncoso
14:00h Entrega de premios do concurso da froita autóctona
14:15h Sorteo de lotes de produto de proximidade e de láminas pintadas ao vivo durante a feira por Blanca Escrigas e Ana Moreiras, ademais dun deseño do artista gráfico Juanlu Nacha
TARDE
16:30h XXXIII Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro (máis información en www.clubcandepalleiro.com)
16:30h Baixadas en kaiak polo Xubia
17:00 a 19:00h Degustación de froita autóctona e de produtos da Fusquenlla
17:00 a 20:00h Petiscos da campaña Galicia sabe Amar
17:30h Obradoiro infantil de cociña co cociñeiro Xosé Troncoso
17:30h Visita guiada á horta de froiteiras con obradoiro de poda de verán
18:30h Visita guiada ao colmear didáctico
19:45h Sorteo de lotes de froita e de obras pintadas durante a xornada por Manolo Carballeira, Leandro Lamas e Xaquín Marín. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
20:00h Clausura da XVI Feira Rural
Exposicións e actividades paralelas durante toda a xornada:
– Froita autóctona da AGFA do Eume.
– Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente.
– Raza Can de Palleiro.
– Expositor do Concello: Información xeral sobre a feira, xunto con información turística: rutas, que ver, proxecto Terra de Vida e Xeoparque do Cabo Ortegal. O expositor tamén é o lugar de inscrición para as baixadas en kaiak, as visitas guiadas e os obradoiros infantís.
