“Toxos e flores”, segunda estrea virtual do Chanfaina Lab

0

A cineasta luguesa Lucía Vilela é a artífice da segunda peza estreada dentro do proxecto audiovisual Chanfaina Lab. O seu título é “Toxos e flores” e trátase dunha breve obra realizada en 8mm que xoga coa música e as estampas vintage do formato para trasladarlle a quen mira a impresión que lle suxeriu á autora o seu primeiro contacto con San Sadurniño.

En Fálame de San Sadurniño explican polo miúdo a traxectoria de Vilela e o que buscaba reflectir con esta pequena xoia con regusto a lembranza e a videoclip. Na páxina indícase que Lucía Vilela é -sobre todo- una sólida documentalista gráfica, tanto no ámbito fotográfico como fílmico, que xa ten demostrado dabondo o seu talento en diversos proxectos cinematográficos, expositivos e editoriais. Quizais esa ollada documentalista, interesada nos soportes e texturas da creación audiovisual, foi determinante na elección do tema, tal e como ocorrera anteriormente na súa curta “Bionte”.

“Toxos e flores” agroma da experiencia persoal, das primeiras sensacións na súa toma de contacto con San Sadurniño, co propósito de deixar un rexistro físico -en soporte fotoquímico- da súa estadía entre nós. “Chamoume a atención a paisaxe e a abundancia de bosques do territorio, semellaba como unha continuación de elementos repetidos, árbores, follas, troncos, flores; a madeira como cemento do visible. Así pois, comecei a filmar dende o pechado, a fábrica de INTASA ata elementos naturais, abríndose pouco a pouco á paisaxe humana. Lamentablemente estragóuseme un carrete de super 8 mm no que filmei moitas portas de madeira que pechaban o círculo das texturas”, explica a autora.

Lucía amplificou as súas sensacións persoais mediante unha montaxe repetitiva, potenciada polo ritmo tradicional da banda sonora, construída por Marcos Flórez coa sorprendente utilización da peza folclórica “Mociños de Igrexafeita”. Desde Fálame de San Sadurniño convídase aos espectadores e espectadoras a que se preparen para sentir e case tocar a madeira e a natureza a través das texturas de “espazos de luces verdes e marróns absolutos” e gozar da belísima composición pictórica das imaxes.

Share.