San Sadurniño volverá converterse en plató de cine na primeira fin de semana de setembro

0

Tras dous anos de parón, volve o encontro Chanfaina Lab, que nos últimos tempos converteu San Sadurniño en referente da creación audiovisual galega sen máis ingrediente que o de reunir a varias realizadoras e realizadores durante uns días dentro das fronteiras do noso concello. O evento desenvolverase os días 1, 2, 3 e 4 de setembro, xuntando nunha mesma contorna colaborativa a cineastas locais e a nomes de fóra do concello co obxectivo de que compartan a experiencia de gravar nunha fin de semana unha peza audiovisual de temática libre pero que represente dalgún xeito a paisaxe física e/ou humana de San Sadurniño. O VII Chanfaina Lab recupera case integramente a programación que estaba prevista para 2020, á que se lle fixeron pequenos axustes mantendo invariable a súa esencia e conservando tamén o cartel anunciador deseñado por Carlos García.

O Chanfaina comezará, como ocorreu nas últimas edicións, cunha parte formativa -e gratuita- para quen queira aprender conceptos teóricos e prácticos básicos relacionados coa gravación e edición dun produto audiovisual

Así, o xoves 1 de setembro entre as 9:00 e as 15:00h, o realizador Fran X. Rodríguez, fundador de IDO Visualofrecerá un obradoiro intensivo de montaxe, denominado “Corte a corte”, que se adentrará na comprensión da linguaxe audiovisual e no “a,b,c” de narrar con imaxes. Máis que dar teoría, Rodríguez favorecerá a asimilación de conceptos con exemplos prácticos que, de seguro, serán de grande utilidade para aquelas persoas sen coñecementos previos que despois, durante o sábado e o domingo, vaian gravar algunha peza.

Ao día seguinte, o venres 2 de setembro tamén entre as 9:00 e as 15:00h, tocará un taller co suxestivo título “Isto non se arranxa na posprodución”, centrado nunha correcta gravación do son directo. E é que, a diferenza do que se cre xeralmente, a calidade sonora dun audiovisual ten a mesma importancia -incluso máis- que unha correcta captación da imaxe. Ademais -tal e como indica o título do obradoiro- un sonido mal rexistrado é difícil amañalo despois na posprodución con resultados satisfactorios. Por este motivo, a organización do Chanfaina convidou ao experto sonidista David Machado, do estudio de son La Panificadora, quen acumula xa 8 premios Mestre Mateo e un Goya polo seu traballo en producións como O que arde, El desconocido, Ons ou Dhogs.

Para estes dous obradoiros, que se impartirán na Casa da Cultura,  hai dispoñibles 15 prazas. As inscricións deben facerse no 616 016 793 ou en carmen.suarez@sansadurnino.gal.

Un encontro aberto a quen queira participar
Esas dúas vías de contacto coa responsable da Aula CeMIT son tamén as que se deben utilizar para sumarse ao Chanfaina Lab coa produción dalgunha curta durante a fin de semana, ou para botarlle unha man aos distintos equipos participantes na edición deste ano, provenientes tanto de dentro como de fóra do concello, axudándolles a construír unha historia breve con total liberdade e co único requisito de reflectir San Sadurniño dalgún modo. As opcións puras ou combinadas son case infinitas: ficción, documental, comedia, ciencia-ficción, drama, musical, realización clásica, experimental… ou o xeito que cadaquén lle queira dar ao seu produto sen necesidade de cinguirse a xéneros nin estilos.

No listado de creadoras e creadores, aínda aberto, hai máis dunha vintena de nomes “da casa” por ser da zona e, na súa maioría por ter participado en edicións anteriores, aos que se lles unirán outros de “venideros” como o de Alberto Gracia, Ariadna Silva, Celia Parra, Claudia Pineda, Dani Viqueira, Domingo Díaz, Iria Silvosa, Raquel Álvarez, Rubén Coca, Sofía Naseiro, Toño Chouza ou o veterán e pioneiro do cine galego moderno Xavier Villaverde.

Ao longo da tarde do venres 2 de setembro irán chegando aos poucos a San Sadurniño e, cara ás 18:00h farase na Aula CeMIT a presentación inicial e, unha vez remate, baixarase até A Cortiña para facer a xa tradicional plantación da árbore conmemorativa desta edición. Tamén se inaugurará oficialmente a exposición “20 anos de O bosque animado” que permanecerá aberta na galería do Concello entre o 29 de agosto e o 30 de setembro. Agárdase que ao acto tamén acuda o fundador da produtora Dygra e co-director do filme, Manolo Gómez.

Proxeccións
Ademais do traballo fílmico polo territorio, o Chanfaina Lab tamén nos depara varias proxeccións, agrupadas en catro bloques que nos permitirán repasar o que leva dado de si o encontro audiovisual, o que levan feito algúns dos directores e directoras que pasaron por el e de que maneira foi recollido San Sadurniño a través das curtas nacidas ao abeiro do proxecto.

Neste sentido, o xoves 1 de setembro ás 19:00h será o tempo de Clásicos Chanfaina Lab. A paisaxe humana de San Sadurniño, co pase de “Ocultas na paisaxe” (2017), de Sabela Pernas; de “Cruz Piñón” (2015), de Xisela Franco; de “A bizcochada” (2016), de Carlos A. Quirós; de “Café bar Santos” (2015), de Sonia Méndez; de “Pois iso, que te quero” (2017), de Beatriz del Monte; de “Mbemba en Sansa” (2020), de Luís Avilés; de “Irmandade” (2019), de Samuel Delgado/Helena Girón e de “Non teño dono” (2019), de The Sungirls.

O venres 2 de setembro ás 20:30h proxectaranse fragmentos ou pezas completas de creadoras e creadores participantes nesta edición dentro da sección Eira de Cineastas na que darán conta da súa traxectoria. Na maratón, de 121 minutos, veremos “Cando roxe o formigueiro”, de Abel Vega; un fragmento de “La Parra”, último filme de Alberto Gracia; “Folga do transporte”, de Andrea Pena“Boniatos no país do sol poniente”, realizado por Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón e Consuelo Picos; o videopoema “Adondar a lingua”, de Celia Parra; “El viaje”, de Claudia Pineda; “La Penumbra”, de Dani Viqueira; “O castiñeiro morto”, de Domingo Díaz; “Trae”, de Fran Bermúdez; “A loba”, de Iria Silvosa; “O roubo da droja (II). Camiño da vinganza”, de NaraioMedia; “Así soy”, de Pablo Martínez; “Tres amigas, una oca y un melocotón a medio pelar”, de Paula Vilariño; “Rubí”, de Raquel Álvarez; “Notamotof”, de Rubén Coca; “Balada dos camiños”, de Sofía Naseiro; “Non teño dono”, de The Sungirls; “Fukushima”, de Toño Chouza; e un anaco de “María Casares: a muller que viviu mil vidas”, de Xavier Villaverde.

O sábado 3 de setembro ás 20:30h a Casa da Cultura acollerá a proxección no espazo Gran Chanfaina da película “Malencolía”, presentada polo seu director, Alfonso Zarauza.

O domingo 4 de setembro ás 19:00h, como ramo do encontro audiovisual, tamén está programada a sección O ronsel do Chanfaina, que achegará -case en primicia nalgúns casos- as últimas curtametraxes realizadas por participantes de edicións anteriores. Ao longo de 90 minutos poderemos ver “O futuro é das cabras” (2022), de Óliver Laxe; “Atalaia/Piueiro” (2022), de Xisela Franco; “Rompente” (2022), de Eloy Domínguez; “Augas abisais” (2020), de Xacio Baño e “Paxaros” (2022), de Lucía Estévez.

Todas as proxeccións son con entrada de balde. O Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña, dentro da liña de axudas para festivais audiovisuais. Ademais é o único evento deste tipo que se desenvolve dentro do ámbito territorial do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

O resultado das gravacións que se fagan o 3 e 4 de setembro poderemos velo o próximo mes de febreiro, momento en que se estrearán todas as pezas e se dará por iniciada a oitava edición do Chanfaina.

Share.