O Concello de San Sadurniño adianta a este venres os actos centrais do Día Internacional da Muller cunha programación que pon o foco na visibilización dos traballos asociados aos coidados, desempeñados maioritariamente por mulleres e, case sempre, pouco ou nada valorados pola sociedade. Con idea de contribuír a darlle a volta a esta situación, a área municipal de Igualdade promoverá durante a mañá varias accións simbólicas no entorno da Casa do Concello e da EIM A Rolada, como por exemplo o izado da bandeira feminista ou o pendurado de mandís e casacas no enreixado do consistorio. Por outra banda, o domingo do 8M o Concello volverá iluminarse de violeta e tamén se estreará nas redes sociais un novo episodio da serie de vídeos Falando sen cancelas, parolando desta vez coa oboísta internacional Iria Folgado Dopico.
As propostas deste venres comezarán ás 10:30h cos “Contacontos pola Igualdade” dirixidos ás crianzas da EIM A Rolada. Unha iniciativa pensada para sementar valores de equidade dende as idades máis temperás que irá seguida xusto ao seu remate –sobre as 11:30h.-, do izado da bandeira feminista diante do Concello, que permanecerá visible durante todo o mes de marzo como símbolo do compromiso municipal coa loita das mulleres.
Neste mesmo acto levarase a cabo o xa tradicional pendurado de mandís co que se busca representar o traballo doméstico e de coidados que as mulleres asumen maioritariamente de balde e sen recibir sequera o recoñecemento que merecería un labor tan importante para a sociedade. E é que os coidados supoñen non só un desgaste físico e mental, senón tamén unha barreira para o desenvolvemento laboral e o lecer.
A reivindicación simbólica incluirá delantais e mandilóns, ademais de casacas como as utilizadas polas mestras da EIM A Rolada e polas profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ademais dunha faixa co lema “o traballo de coidados sostén o mundo”, poñendo de relevo a importancia vital pero precarizada destes sectores profesionais.
A comunidade educativa e sociosanitaria tamén terá un papel activo na xornada, xa que está previsto que no evento se impliquen a escola infantil e varias usuarias e usuarios do Centro de Día, quen participaron activamente no bordado dos mandís. “A participación das crianzas da escola e das persoas maiores do Centro de Día nesta actividade interxeracional é unha maneira de erguer a voz para que os coidados en todas as etapas da vida sexan compartidos e estean debidamente valorados económica e socialmente”, apunta a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas Castro.
Xa o domingo, día 8 de marzo e data oficial do Día Internacional da Muller, a programación trasladarase ao ámbito dixital e visual. Á noitiña, a fachada da Casa do Concello volverá iluminarse de cor lila como mostra de apoio ás reivindicacións feministas. Ademais, ás 20:00h, estrearase no Facebook e no Youtube do Concello unha nova entrega do vídeo podcast “Falando sen cancelas”.
Nesta ocasión, a axente de igualdade conversará coa oboísta internacional Iria Folgado Dopico para analizar a situación das mulleres no mundo da arte -tema principal da programación deste ano- e, concretamente, no mundo da música. A entrevista percorrerá a traxectoria de Folgado Dopico e as súas referentes, poñendo o foco nos obstáculos que aínda persisten e no longo camiño que queda por percorrer para acadar unha representación xusta e igualitaria nos escenarios.
A programación municipal con motivo do 8M proseguirá con distintas propostas ata finais de mes. Pódense consultar nesta ligazón ou no Google Calendar do Concello de San Sadurniño. De todas as actividades previstas, o departamento de Igualdade informou hoxe mesmo que vai adiar o obradoiro de cerámica con Carme Romero Díaz que ía desenvolverse o sábado 28 pola mañá no local social de Lamas. Proximamente informarase da nova data.