San Sadurniño súmase este sábado á Hora do Planeta

0

A Hora do Planeta é unha campaña de WWF que comezou hai unha década en Australia como un xesto simbólico na loita contra o cambio climático. Durante unha hora edificios públicos, empresas e fogares apagan as luces para mostrar o seu compromiso na loita contra o cambio climático. A iniciativa pretende concienciar a sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte aos danos provocados pola actividade humana no ambiente, así como reducir as emisións contaminantes, aforrar enerxía e rebaixar a contaminación lumínica. San Sadurniño unirase a esta convocatoria apagando o alumeado da praza do antigo Concello este sábado entre as 20.30 e as 21.30h.

Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo nun dos últimos sábados do mes de marzo e, nesta ocasión, o 19 entre as 20.30 e as 21.30h. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista Fondo Mundial para a Natureza (WWF) ou compartir a campaña a través das redes sociais.

Trátase dun evento mundial co que se busca “que se produza un berro global en defensa do planeta”, tal e como lle asegurou a El País o secretario de WWF en España, Juan Carlos Del Olmo. “A Hora do Planeta é, principalmente, unha iniciativa lúdica. Non se pretende medir o aforro enerxético, xa que o impacto real é a sensibilización. Doutro xeito teriamos elixido outro día que non fose sábado, cun dos picos de gasto enerxético máis baixos da semana”.

O que arrancou en 2007 como unha campaña publicitaria acabou por converterse nun dos maiores movementos voluntarios do mundo. O ano pasado superáronse as 7.500 cidades e vilas participantes de máis de 160 países. Para a convocatoria de mañá a web de WWF indica que, só en España, van inscritas cerca de 12.000 persoas, 129 empresas, 261 entidades e 331 municipios. Un número que vai en aumento a cada minuto e que non é representativo da súa repercusión real, posto que hai concellos, persoas e entidades que porán en práctica o apagado malia non figurar no rexistro voluntario da web.

San Sadurniño unirase á Hora do Planeta apagando o alumeado da antiga praza do Concello e convida a toda a veciñanza a facer o mesmo este sábado entre as 20.30 e as 21.30h. O Concello tamén enviou a carta de adhesión á iniciativa, tal e como fixeron outros 12 municipios galegos.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0385_gl.html#sthash.lBbBhARj.dpuf

Share.