O Concello licita en case 375.000 euros a mellora paisaxística da Cortiña e dos xardíns do Pazo da Marquesa

0

O Concello de San Sadurniño acaba de sacar a licitación o proxecto de mellora paisaxística da Cortiña e dos xardíns do Pazo da Marquesa.  A intervención inclúe melloras nos percorridos e na ordenación dos espazos, novas plantacións e a adecuación de áreas para o uso social, educativo e de lecer, así como actuacións de accesibilidade e posta en valor nos xardíns municipais. O proxecto incorpora ademais medidas de eficiencia enerxética por medio da instalación de paneis solares. O orzamento final ascende a 309.730,90 euros (374.774,39€ impostos incluídos), despois de que nos últimos meses houbese que modificar a redacción do proxecto para adaptalo aos requisitos de Augas de Galicia e á aplicación dos fondos Next Generation da Transición Xusta cos que se financiarán a totalidade dos investimentos. As empresas interesadas teñen até o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas.

O título completo do proxecto presentado ás axudas do Convenio de Transición Xusta das Pontes é “Mellora paisaxística nas instalacións municipais da Cortiña e o Pazo da Marquesa”. Unha denominación xenérica que prevé actuacións en tres zonas: a leira da Cortiña e a horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”,  o Arboreto e a contorna da Casa do Concello e os seus xardíns.

A iniciativa ten unha alta compoñente ambiental e de posta en valor dos espazos verdes tendo en conta, ademais, a eficiencia enerxética e novos usos que escapan dos habituais. Neste sentido, no ámbito da Cortiña e da horta de conservación vai facerse un aparcamento de algo máis de 1.000 m² a continuación da área de servizos para autocaravanas -algo que solicitaron varias viaxeiras e viaxeiros usuarios-, onde tamén se instalará un punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas.

Esta nova superficie  contará con arborado e bancos e será ao mesmo tempo zona de tránsito cara a un recinto pechado que se dedicará a horta de formación, pensando na capacitación en materia de cultivos de todo tipo e en actividades asociadas co centro supramunicipal de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

Xa dentro do espazo da horta de conservación Carlos Fornos, o proxecto contempla a creación dun novo almacén refrixerado de froita e a construción dunha caseta de “apiterapia” -quizais unha das innovacións máis rechamantes- na que poder relaxarse  escoitando o zoar das abellas e ulindo o aroma que desprenden as colmeas, que estarán debidamente separadas por unha malla de seguridade.

A renovación da horta complétase coa substitución dos peches e a mellora dos accesos á finca, xunto coa instalación dun sistema solar fotovoltaico de 20 módulos que alimenten as instalacións e que tamén poidan verter o excedente á rede eléctrica.

Tamén hai previstas actuacións na zona do arboreto de especies autóctonas. Alí ampliarase o contido da Fraga Máxica -un dos grandes atractivos de San Sadurniño para as familias de toda a comarca-, renovaranse os carreiros interiores e incluso se dedicará un dos campos á creación dun “bosque comestible” (outra das propostas innovadoras) onde se plantarán árbores, arbustos e plantas que dean froitos variados.

Intervencións na contorna do Concello
O proxecto presentado ás axudas do Convenio da Transición Xusta das Pontes incorpora, por último, actuacións nas inmediacións da Casa do Concello e os xardíns municipais. As máis relevantes son a construción dun novo parque infantil con máis xogos na parte baixa dos xardíns, a plantación de máis especies no espazo dispoñible á sombra das palmeiras, a instalación de sebes vexetais no borde dos sendeiros interiores, a restauración do hórreo e a reparación do enreixado metálico –incluído o pintado de columnas e muretes- que separa a sede consistorial da AC-862.

Tamén vai recollida no plan de obra a impermeabilización do estanque inferior e dotar de mobiliario urbano a parte dianteira da EIM A Rolada e do Centro Municipal de Empresas.

Cambios no proxecto inicial
A concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, explicou que o proxecto inicial, cifrado en 493.000 euros, tivo que ser adaptado para cumprir as esixencias técnicas e ambientais dunha zona que é en parte zona protexida Rede Natura 2000. “Durante a tramitación realizouse un esforzo moi intenso tanto a nivel técnico como político, con múltiples xestións e negociacións coa Xunta de Galicia e con Transición Xusta, coa intención de manter o maior alcance posible da intervención, pero ao final vímonos na obriga de reducir o seu alcance”.

O proxecto inicial incluía tamén actuacións no paseo fluvial do río Xubia que finalmente tiveron que quedar excluídas por un informe desfavorable de Augas de Galicia e pola posición adoptada por Transición Xusta. Segundo sinalou Piñeiro, esta situación xerou “unha lóxica frustración por ter que reducir o proxecto, e máis aínda se temos en conta que o paseo leva construído case vinte anos (financiouse con fondos Leader, da Consellaría de Medio Ambiente e da Deputación) e nin daquela para levalo a cabo nin despois para mantelo e melloralo houbo impedimentos por parte de Augas de Galicia nin por parte de ningún outro organismo autonómico”, detalla Piñeiro López. O redeseño final permitiu, con todo, “garantir a execución da subvención e concentrar o investimento na mellora da Cortiña, da horta de conservación, do arboreto e dos xardíns do Pazo da Marquesa”.

O proxecto sae a licitación cun orzamento base de 309.730,90 euros (374.774,39 euros, impostos incluídos). As empresas interesadas en executar as obras dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas a través da plataforma de contratación do Concello de San Sadurniño. O anuncio publicouse onte e, polo tanto, botando contas sae que o prazo remata o próximo 10 de febreiro.

Share.