San Sadurniño foi un dos tres muncipios elixidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para facer un informe de diagnóstico inicial e propor as medidas correctoras conducentes ao cumprimento dos ODS, un labor do que se encargou a empresa Wayna Consultora recollendo información moi variada sobre o municipio e convocando encontros co tecido social e político.
O BNG e o PP apoiaron o documento final, que aspira a servir de guía de actuación tanto para o Concello como para as entidades e a veciñanza de San Sadurniño. O representante do PSOE manifestou o seu apoio ao plan pero optou pola abstención ao considerar que a participación no seu deseño non fora suficientemente ampla.
Bonificacións no imposto de obras
A partir dese momento os posicionamentos favorables xa foron unánimes por parte dos tres grupos, empezando pola modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras -o coñecido como ICIO- de cara a introducir novas modalidades de desconto.
As novidades son a bonificación do 95% no imposto municipal para as obras de rehabilitación de construcións existentes que non conten con servizos de saneamento público, así como unha bonificación do 90% para as obras que favorezan o acceso e habitabilidade das vivendas unifamiliares para persoas con discapacidade. Seguen manténdose as rebaixas do 50% para as obras executadas por entidades sen ánimo de lucro, para as construcións gandeiras ou agrícolas afectadas a esas actividades e para traballos en bens culturais catalogados.
Estes descontos non se aplicarán automaticamente, senón que deberán ser solicitados polas persoas propietarias dos inmobles e previa declaración do seu especial interese ou utilidade municipal por parte do Concello, por concorreren circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.
Apoio unánime tamén á distribución do POS para obras e social
Despois de ratificar a modificación do ICIO, os grupos tamén lle deron o visto e prace a dúas cuestións de trámite: por unha banda a actualización da composición da Mesa Permanente de Contratación e, por outra, a baixa no inventario municipal do antigo tractor municipal alleado recentemente, seguida da alta do novo vehículo que acaba de comprar o Concello para substituílo.
Dous asuntos de trámite que precederon a exposición da distribución do Plan Único de Concellos da Deputación na presente anualidade. Neste sentido San Sadurniño destinará 168.482,73 euros a gasto corrente e outros 128.215,72 á mellora da rede viaria por medio de dous grandes paquetes de obras, un para amañar 2,5 quilómetros de pistas en Santa Mariña e Bardaos e outro de 2,7 quilómetros en Naraío e Lamas.
Porén, a maiores dos anteriores, o pleno tamén aprobou os proxectos susceptibles de acollerse ao Plan Complementario, que prevé novas achegas no momento en que a Deputación libere máis recursos económicos para poder levalos a cabo. Prevense catro actuacións orzamentadas nun total de 393.606,33 euros: o aglomerado e a formación dunha senda peonil entre a Chabola e o Chao de San Cristovo (Ferreira), a renovación con ese mesmo firme do tramo comprendido entre a Camba e o límite con Moeche e a reparación das dúas pistas que enlazan a antiga estrada das Pontes co castelo de Naraío. Os catro proxectos significarían a reparación doutros 4,5 quilómetros de estradas municipais, elevando o total de melloras viarias con financiamento provincial ata un total de 7’2 quilómetros de distancia repartidos entre as 14 actuación previstas.
Canda estes programas, a Deputación tamén habilitou os fondos do POS+ Adicional 01/2022 para gasto social. Serán 58.968,96 euros que o Concello dedicará a dous capítulos: ao financiamento de persoal adscrito a Servizos Sociais -17.757,45 euros-e ao reforzo ou ampliación do Servizo de Axuda no Fogar en calquera das súas modalidades. A este último apartado destinaranse 41.211,51 euros.
Estes dous asuntos relativos ás actuacións financiadas con fondos xestionados pola Deputación volveron ter o apoio unánime dos tres grupos municipais e sen practicamente debate.
Demanda de profesorado para o CPI
Malia non ir inicialmente na orde do día, os tres grupos municipais acordaron un posicionamento conxunto demandando da Consellaría de Educación o reforzo do profesorado do CPI para impartir as asignaturas de Ciencias nas aulas de Secundaria, que nestes momentos están sendo asumidas en parte por unha especialista en Música.
Tal e como se lle comunicou a dirección do centro aos pais e nais do alumnado e ao Concello hai escasos días, o nomeamento dun equipo directivo accidental o pasado 10 de decembro obrigou a modificar horarios do profesorado e a reducir horas de ensinanza en Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía en 1º e 3º da ESO, de cara a que o nova dirección puidese compatibilizar o seu labor docente coas funcións administrativas e de coordinación.
A redución compensouse provisionalmente con horas dispoñibles dunha profesora coa especialidade de Música, en espera de que a Consellaría responda á solicitude -cursada tamén en decembro- para que a Xunta envíe un profesor ou profesora de Ciencias a media xornada. A día de onte a Xefatura territorial de Educación aínda non contestara, e de aí que se trouxese o tema ao pleno co obxectivo de aprobar unha declaración institucional esixindo o cumprimento das demandas do centro educativo e das familias. A moción, introducida por vía de urxencia pola alcaldía, foi apoiada sen fisuras por BNG, PP e PSOE.
Rogos e preguntas
No tramo final da sesión non houbo rogos, pero si preguntas, todas elas formuladas polo PP interesándose polas horas prestadas e as listas de agarda no SAF, polas gratificacións do persoal municipal, por se ían reeditarse ou non as asembleas participativas e por quen se ocupaba no Concello da prevención de riscos laborais. O PP tamén solicitou información sobre o desenvolvemento do programa de prevención da violencia de xénero “O Lavadoiro” impulsado pola Deputación da Coruña en San Sadurniño e Moeche.