“Primixenias”: cerámica e cestaría únense en San Sadurniño para reivindicar tradición e empoderamento feminino

0

A galería da Casa do Concello de San Sadurniño acollerá desde este luns 1 de setembro e ata o 31 de outubro a exposición Primixenias, unha proposta conxunta da ceramista Carme Romero e da cesteira Luísa da Silva. Preto de vinte pezas deseñadas e executadas a dúas mans, ademais doutras individuais, compoñen unha mostra que explora o diálogo entre a olaría e o tecido de fibras vexetais, dous oficios de fonda tradición que aquí se revisitan con mirada contemporánea. As autoras propoñen unha lectura en clave feminina e feminista, rendéndolle homenaxe ao matriarcado histórico e lanzando, a través da súa arte, unha mensaxe de empoderamento das mulleres. A inauguración terá lugar no primeiro andar do consistorio este  luns ás 19:00h, cun pequeno concerto de guitarra e voz a cargo de Iria e Candela Quintía Romero.

A colaboración entre Romero e da Silva xorde da vontade de mesturar universos creativos e técnicas tan dispares coma a da cestaría e a cerámica que, á primeira vista, semellan afastadas, pero que comparten o nexo común de ser saberes tradicionais. O resultado é unha serie de obras que poñen en práctica técnicas centenarias e, ao mesmo tempo, abren camiños novos para a experimentación plástica. “É unha cousa diferente, penso que é a primeira vez que se fai este traballo de xuntar a cestaría coa cerámica conservando o tradicional”, afirma Luísa da Silva.

No discurso expositivo ten un papel central a figura da muller como transmisora e garante das tradicións. “Tiñamos claro que as protagonistas tiñan que ser mulleres e amosar a nosa herdanza cultural en clave feminina”, explica Carme Romero, quen lembra que os oficios e costumes reflectidos en obras como a Peixeira, a Malla ou a Candeloria, teñen unha fonda vinculación coas mulleres. As artistas reivindican esa memoria e trasladan a súa forza ao presente, creando obras que falan do pasado pero con linguaxes visuais actuais.

O proceso de creación das pezas conxuntas foi longo e esixente. A primeira obra naceu en xaneiro de 2022 e, desde entón, investiron máis de tres anos en elaborar arredor de dezasete traballos conxuntos. “Antes de empezar a cocer a cerámica e a traballar coas fibras había que retellar moito”, conta Da Silva. Cada peza requiría pensar previamente onde se situarían os ocos necesarios para entretecer as fibras, inserir paus ou permitir que as mans se movesen con soltura. Segundo coinciden en explicar as dúas artistas, a execución non consistiu en superpoñer fibras sobre barro xa cocido, senón en pensar con moito detemento como se integrarían os dous materiais para formar unha unidade indisoluble.

Romero incide en que a dificultade técnica foi tamén un estímulo creativo: “Algo que temos en común é que nos gustan os retos e as cousas difíciles”. Desa visión sae unha mestura de texturas onde se recoñecen os ecos do pasado modelados con barro que reproduce caras e grecas, pero que tamén se vale de primorosos entramados de follas de palmeira, agullas de piñeiro, palla ou lámina de castiñeiro. Deseños e formas cheos de cor que beben do antigo ao tempo que zumegan modernidade.

A mostra complétase con pezas individuais de ambas creadoras. Da Silva achega sombreiros, bolsos e outros obxectos realizados con vimbio, palla ou fibras vexetais, mantendo a fidelidade ás técnicas tradicionais. Romero, pola súa banda, presenta series feitas ao torno nas que introduce motivos inspirados nas reixas de Ferrol e Betanzos, ademais de experimentar con formas novas como os cacharros con asas ocas, que expón por primeira vez.

As obras creadas a dúas mans non estarán á venda, xa que as artistas queren que, polo momento, sigan itinerando como conxunto expositivo. Tras a súa estrea en San Sadurniño, Primixenias xa ten confirmada a súa viaxe a Ares e Betanzos.

A exposición enmárcase na programación arredor do Día Internacional da Muller Rural, que se conmemora o 15 de outubro, e supón unha oportunidade única para descubrir como dous oficios ancestrais dialogan co presente a través da creatividade de dúas mulleres artistas.

A cita arranca este luns 1 de setembro ás 19:00h cun acto inaugural no que estarán presentes ambas creadoras, canda amizades, familiares e representantes da corporación municipal, ademais de calquera persoa que se queira achegar. A apertura oficial adobiarase coa música de Iria e Candela Quintía Romero (guitarra e voz), que interpretarán dúas pezas escritas pola súa nai, Carme.

 

Share.