Hoxe fanse cinco anos da declaración do primeiro Estado de Alarma por causa da COVID-19. Unha decisión drástica coa que o Goberno buscaba atallar os efectos dunha crise sanitaria que xa se convertera na pandemia que acabaría levando milleiros de vidas e cambiando o mundo para sempre. A mediados de marzo de 2020, a incerteza era absoluta. As noticias que chegaban desde Italia e China debuxaban un escenario preocupante, mentres en España os casos de contaxio aumentaban de maneira exponencial. As farmacias comezaron a esgotar as existencias de xel hidroalcohólico e mascarillas, e nos supermercados xa se percibía unha inquedanza xeralizada: papel hixienico, arroz e conservas eran algúns dos produtos que desaparecían das estanterías. Empezabamos a ser conscientes de que algo moi serio estaba ocorrendo.
O 12 de marzo de 2020, a Xunta de Galicia decretou a suspensión das clases en todos os niveis educativos durante 14 días. Ademais, pecháronse centros sociocomunitarios, restrinxíronse eventos públicos e limitouse o aforo de establecementos. Ese mesmo día, o Concello de San Sadurniño anunciou a suspensión de actividades culturais e deportivas, ademais do peche da Escola Infantil Municipal A Rolada, o que obrigou ás familias a buscar outras solucións de conciliación, sen saber que tan só dous días despois todas quedarían confinadas na casa.
Ao día seguinte, o 13 de marzo, o Goberno galego endureceu as medidas, anunciando o peche de museos, bibliotecas e arquivos, ademais de restrincións máis severas para eventos. En San Sadurniño, o alcalde Secundino García participou nunha reunión coa Xunta e a FEGAMP para coordinar as accións municipais, que comezaron pola interrupción das escolas culturais e deportivas e a suspensión de todos os actos públicos organizados polo Concello.
O 14 de marzo, o Goberno do Estado decretou o Estado de Alarma, obrigando a un confinamento xeral da poboación e restrinxindo os movementos non esenciais. As rúas quedaron estrañamente silenciosas e os negocios pecharon as súa portas. O Concello de San Sadurniño reforzou as medidas establecendo o traballo telemático para o seu persoal e recomendando á veciñanza que evitase desprazamentos innecesarios. A incerteza era total, e moitas familias comezaban a asumir que a normalidade tardaría en volver.
A partir do 15 de marzo, as oficinas municipais atenderon só con cita previa para asuntos urxentes, promovendo a realización de trámites por vía telefónica ou a través da sede electrónica. Ademais, habilitouse a aplicación móbil Liña Verde para comunicar incidencias sen necesidade de acudir presencialmente ao Concello. A tecnoloxía converteuse nunha aliada clave para manter un mínimo de funcionamento institucional en tempos de illamento e, como se vería despois, coa ampliación do confinamento, as comunicacións dixitais tamén foron fundamentais para estudar e para manter o contacto con familiares.
Os esforzos municipais centráronse en poñer en práctica as medidas de desinfección de espazos públicos e no mantemento de servizos domiciliarios coma o SAF, ademais de asegurar que ningunha familia ou persoa en situación de vulnerabilidade quedase desprotexida nunha situación xa de por si complicada.
Por outra banda o Concello tamén dirixiu os seus esforzos a informar sobre a realidade que se vivía e sobre unha normativa cambiante que implicou múltiples restricións nos meses seguintes, cando se produciron varios picos da enfermidade alternados con momentos de desescalada. Na web municipal, entre marzo de 2020 e marzo de 2021 publicáronse 130 noticias ao respecto, a maioría delas centradas nas publicacións do BOE e do DOG, pero tamén sobre a forma en que San Sadurniño afrontaba unha situación que ficará para sempre na memoria de todas e todos nós.