O próximo Tempos para compartir ensinaranos a facer sobremesas brasileiras

0

O programa Tempos para compartir traeranos no seu próximo obradoiro unha proposta cultural e gastronómica que nos levará até o entroido brasileiro. A cita será o sábado 7 de febreiro, ás 11:00 horas, no local social de Igrexafeita, onde terá lugar un obradoiro de sobremesas tradicionais do carnaval da outra banda do Atlántico. A actividade é gratuíta, pero require inscrición previa xa que só se ofrecen 10 prazas. Para apuntarse só fai falla enviar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamara ao 981 490 027. 

Nesta ocasión, a protagonista será Thaisi Oliveira Xavier, veciña do Coto (Igrexafeita), brasileira de orixe e establecida no concello desde hai anos, onde formou a súa familia. Ela será a encargada de guiar ás persoas participantes nunha viaxe culinaria polas tradicións máis doces do entroido no Brasil, un dos países onde esta celebración se vive con máis intensidade.

Durante o obradoiro elaboraranse dous doces moi populares no carnaval brasileiro. Por unha banda, os brigadeiros, que son un tipo de chocolates  feitos con cacao en po, leite condensado e manteiga, pensados especialmente para as persoas máis larpeiras. Por outra, prepararase tamén un pavê de limão, unha torta fría a base de galletas, leite condensado, nata e limón, moi habitual nas celebracións familiares.

A proposta encádrase no programa de lecer compartido promovido pola área de Igualdade, co que se pretenden crear espazos de encontro veciñal e de intercambio de saberes e coñecementos, ademais de “e neste caso favorecer tamén o intercambio cultural e posta en valor da diversidade presente no concello”, comenta a concelleira, Araceli Bellas Castro.

O obradoiro desenvolverase no local social de Igrexafeita o sábado 7 de febreiro ás 11:00 horas e conta cun máximo de 10 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando ao 981 490 027. Estes mesmos canais de contacto co Concello están tamén abertos para propoñer novos temas ou actividades para futuras sesións do programa Tempos para compartir.

Share.