A Deputación da Coruña volve convocar a súa campaña na neve, dirixida á rapazada empadroada en calquera concello da provincia con idades comprendidas entre os 11 e 15 anos (feitos a 31 de decembro de 2024). Nesta edición volverán ir á estación de Valgrande-Pajares en 6 quendas que comezarán en xaneiro. Ao Concello de San Sadurniño tócalle a terceira, entre o 24 e o 27 de xaneiro, ambos días incluídos. De novo volve haber 4 prazas dispoñibles e, por esta razón, o departamento municipal de Deportes manterá aberto ata o próximo 2 de decembro o período de preinscricións. Se houbese máis peticións que prazas ofertadas, farase un sorteo público o 3 de decembro ás 12:30h na Casa do Concello. As solicitudes deben presentarse na Casa da Cultura ou na Sede Electrónica do Concello de San Sadurniño cumprimentando a parte final deste folleto informativo, que pode cubrirse directamente desde o navegador.
O prezo da viaxe serán 85 euros, que inclúen o traslado desde o punto de recollida, o aloxamento, a manutención, o seguro, os cursos e remontes e todas as propostas paralelas que se lles ofrecerán ás rapazas e rapaces durante os seus catro días de estadía desde a tarde do venres 24 de xaneiro ata a súa volta no serán do luns 27.
Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, a Deputación distribúe un número determinado de prazas entre os municipios da provincia, agrupados por proximidade xeográfica. San Sadurniño vai con Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, As Somozas e Valdoviño.
Para esta edición o noso municipio contará con 4 prazas, que se poderán solicitar para a rapazada empadroada -importante, ten que estar empadroada- que teña ou vaia ter feitos de 11 a 15 anos (ambas idades incluídas) a día 31 de decembro de 2024.
Para optar a unha delas será necesario cubrir o formulario que acompaña o folleto informativo editado pola Deputación, detallando o municipio ao que se pertence, os datos da rapaza ou rapaz para quen se solicita a praza, a indicación de se ten alerxias e as vacinas subministradas e, por suposto, a información da nai/pai ou persoa titora que autoriza a súa participación no programa. Este ano, como novidade, tamén haberá que achegar no momento da solicitude a fotocopia da tarxeta sanitaria e a fotocopia do carné de identidade da cativa ou cativo (ou do libro de familia).
O formulario deberá entregarse presencialmente na Casa da Cultura, ou ben rexistrarse a través da Sede Electrónica municipal. O último día é o luns 2 de decembro. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles, o Concello fará un sorteo público para adxudicalas o martes 3 de decembro ás 12:30h nas oficinas municipais. As restantes peticións tamén se sortearán para formar parte da lista de agarda.
Cómpre ter en conta, ademais, que na adxudicación terán preferencia as rapazas ou rapaces que nunca participasen en campañas da neve da Deputación.
As familias ás que se lles confirme a praza deberán aboar os 85 euros da viaxe e presentar a documentación requirida para validar a inscrición: o resgardo do pagamento (a conta na que deberán facer o ingreso indicarase cando se confirme a praza) e, no caso de que a nena ou neno teña algún tratamento prescrito ou algunha doenza que se deba ter en conta, tamén certificación médica e a autorización para darlle a medicación que precise. Os modelos están dispoñibles na web da Campaña da Neve 2025.
Para calquera consulta ou para ampliar información pode contactarse co técnico de Cultura no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Tamén están dispoñibles o teléfono 981 080 319 e o correo deportes@dacoruna.gal da Deputación da Coruña.